Miguel Sanclaudio: «Se xa de entrada aspiramos ao pequeno, nunca chegaremos a nada»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O especialista que extraeu os canóns de Camariñas pide ambición para traer á zona un centro de investigación

22 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As principais investigacións en patrimonio subacuático na Costa da Morte dos últimos decenios levan a súa firma, incluídos os recentes rescates do sextante de Baldaio e dos canóns da Virxe do Monte. Con todo, Miguel San Claudio Santa Cruz (1964), que, por familia e por crianza, sente a comarca tan propia como a cidade da Coruña na que vive, está canso de ver como un patrimonio de talla mundial cae unha e outra vez no esquecemento. Non tira a toalla e avoga por un gran centro de investigación que non ten Galicia nin todo o norte español.

-Cantas veces viu xurdir o interese polo patrimonio subacuático e desaparecer de novo sen que se faga nada?

-Eu isto vino por primeira vez no ano 1987, cando estabamos co profesor Martín Bo escavando no pecio do galeón San Gerónimo alí en Corcubión. Xa daquela o alcalde Rafael Mouzo dixo que era necesario crear un museo para estas pezas, que non tiña por que irse, naquel caso a Coruña. Falouse de crear alí un museo, falouse do faro de Lobeira, de montar alí un centro de investigación, e de certas instalacións que ten o Concello no porto. Logo tamén se falou deste tema cando La Voz organizou aquelas xornadas. Houbo un gran debate, un despregamento: que si que si, que si que si. Logo no ano 2006, cando empezamos a traballar en Fisterra, facendo o estudo dun proxecto que levamos a cabo, que se chamou Proxecto Finisterre, no que identificamos unha serie de barcos da Armada de 1596 e atopamos algúns outros pecios, xa se falaba da necesidade do centro, dun museo, etcétera, etcétera. Mesmo chegamos a redactar un proxecto co Concello que se presentou na Deputación. Era moi ambicioso, moi ben pensado, cun centro de investigación que levaba aparellada unha sala de exposicións. E, fai disto uns tres anos, con Regueira cando se falou de recuperar o museo Marítimo Seo de Corcubión. Tamén moito interese, moito interese; imos facelo. Mesmo me chegaron a dicir que empezase a montar o equipo científico para desenvolver os traballos e, unha vez máis, deixáronme colgado da brocha. Daquela o de sempre. Vén a final da Champions ou vén tal e esquécese todo. Imaxino que isto será tres cuartos do mesmo. Cando volva haber necesidade de extraer outro elemento, volverase falar da necesidade de crear un centro ou, como din agora de abrir mil museos, cada un nun pobo.

-Chegará un punto no que se aburre de todo isto?

-Aburrir non, porque isto é demasiado apaixonante. O que si che dás conta é que estás a traballar para o inglés. Dicíame alguén o outro día a ver se con isto, saíndo en prensa e demais, conséguese algo. Díxenlle: si, xa levamos 30 anos facendo isto, 32 en concreto, e imos seguir así. Seguiremos pelexando porque o que non ten ningún sentido é retirarse agora, pero non hai visos de que isto se traduza en algo novo. Á parte, moitas cousas das que se din por aí non teñen ningún sentido.

-Cal é o camiño?

-Para todo necesitas un proxecto e para unha riqueza do calibre que temos na Costa da Morte e en Galicia en xeral, o que necesitas é ter un proxecto ambicioso, non cinco aulas en cinco concellos diferentes, nunha ensinando un canón, noutra un temón e noutra unha nasa. O que hai que facer é ser un pouco ambiciosos, ter un pouco de vista, de criterio e de sentido común e facer o que se ten que facer en Galicia desde hai tamén 30 anos: un centro de investigación en arqueoloxía subacuática. De aí virá todo, ou o que estarás a facer é pór parches e remiendos sen un criterio claro. Iso que dixo un alcalde dun centro descentralizado lévoo eu propondo desde hai moito tempo. Primeiro o centro de investigación e logo, se é necesario, descentralizar o labor expositivo, con que cada unha desas subsedes teña unha especialidade nun apartado concreto da historia marítima da zona. O que non ten sentido é que en todos os lados se faga exactamente o mesmo. Coas novas tecnoloxías non é necesaria unha soa sede física, pero o que si é necesario é que o cerebro que xestione todo iso sexa un centro de investigación de verdade. O que non pode ser é abrir centenares ou decenas de museitos, sen persoal, sen un criterio e sen unha idea reitora de todo o conxunto. Non existe ese centro en todo o norte de España e, eu sempre dixen, que o primeiro que o monte vai ser o que se coroe, o que xestione todo ese patrimonio, seguro de Galicia e probablemente de todo o norte de España. Se damos as facilidades e damos os medios para investigar, irán xurdindo novas iniciativas que permitirán, xa non só desenvolver a arqueoloxía subacuática, senón que ese centro e ese lugar obteña un beneficio diso. Pero, claro, isto está a anos luz desta idea localista e do eu, para o meu, comigo, este pensamento da miñoca, de imos facer o que xa se fixo 1.000 veces en 1.000 partes diferentes e as 1.000 fracasou.

-Isto non ten porque acollelo unha gran cidade?

-Eu non dixen iso, e en Galicia non hai grandes cidades, todas son pequenas ou medias. Evidentemente unha pequena comarca pode aspirar a isto, por que non? É que se xa de entrada aspiramos ao pequeno nunca chegaremos a nada. Imos pensar ao grande para chegar lonxe. Dicir non, non, non podemos, esa é a mentalidade galega dos últimos 300 anos. É algo que hai que cambiar.

-A que obedecen extraccións como a de Camariñas?

-Estas pezas van a Vigo, non porque existan os medios para o seu tratamento, que non existen, non existen en ningures no norte de España. O que non pode ser é extraer obxectos por extraer. Iso non cabe na cabeza humana. Trátase de estudar e conservar aqueles obxectos que corren o risco de ser expoliados, de desaparecer, de ser afectados os procesos naturais. E ese é o motivo polo cal se extraeron estes canóns. Corrían un evidente risco de espolio e estaban a ser moi afectados pola oxidación, erosión, etcétera.

«Primeiro é o centro de investigación e logo descentralizar a exposición»

«Non ten sentido abrir decenas de museitos sen persoal e sen criterio»