Amador Pena revalidou o título da carreira Dolmen de Dombate

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Atletismo | A gran participación e as boas marcas foron o máis destacado

22 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Non defraudou a sexta Carreira Popular Dolmen de Dombate, que combina o deporte coa promoción do patrimonio. O tempo acompañou e a organización, o Concello de Cabana, rexistrou unha moi boa participación: unhas 700 persoas calculou a técnica de Deportes, Mar Vidarte, que falou de melloría da cifra con respecto á edición pasada. A categoría na que houbo máis baixas foi a de pitufos. As previsións meteorolóxicas non animaban aínda que finalmente non se cumpriron.

O santiagués Amador Pena revalidou o título da proba reina de dez quilómetros cun tempo de 33 minutos e 43 segundos. Mesmo mellorou a marca do ano pasado (34:30). Seguíronlle Manuel Oliver Pérez, do Burgo (33:46), e Rubén Insua, de Fisterra (34:03). Como reflicten os tempos, nin un minuto de diferenza houbo entre as chegadas dos tres primeiros. O percorrido, íntegro por Borneiro (con saída e meta no megalito), de asfalto e con contadas pendentes e moi pouco pronunciadas, contribuíu aos bos resultados, que tamén se apreciaron na categoría feminina. Tina Fernández, de Muros, venceu en 38 minutos e 43 segundos. Seguíronlle Rocío Alvite , de Mazaricos (39:23), e Natalia Rivas, de Carballo (44:19). Daniel Rodríguez e María Mato triunfaron como locais.

Na proba de tres quilómetros, gañaron o fisterrán Nico Iglesias (10:11) e a vimiancesa Apolonia Bermúdez (12:06). Nesta distancia, as diferenzas entre os primeiros clasificados aínda foron máis pequenas: en masculino, os arteixáns Javier Paradela e César Rodríguez fixeron 10:24 e 10:35 respectivamente, mentres que en feminino, a cadete Enma Argibay do Pindo e Lupe Lodeiro, de Vilanova de Arousa, 12:18 e 12:23.

Só houbo unha incidencia nos comezos da cita: a luz marchouse por uns instantes e a organización quedou sen megafonía, pero nada que non solucionase unha boa garganta. Unhas cincuenta presentas axudaron na organización, houbo bastante público e entregáronse premios.