Os canóns

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os canóns de Camariñas dispararon alto. O seu estrondo resoou en toda a Costa da Morte. Lévanos para o Museo do Mar de Vigo. Semella que o que de verdade importa é que nolos quiten, o feito de que leven algo que lle pertence a esta fin do mundo. O malo, no entanto, é todo o que se deixa de facer con todo o patrimonio subacuático. A Costa da Morte é a autopista da historia. Fronte ao noso litoral navegou o mundo durante séculos. Aquí está rexión con máis naufraxios. E a velas vir! Lévase anos, diría que decenios, falando dun gran centro do patrimonio subacuático, pero ninguén fixo nada. Daría para unha cátedra. Se un vai ao Museo da Pesca de Fisterra pode comprobar o rendemento cultural, histórico e turístico e, polo tanto, económico que se lle pode sacar a unha humilde campaíña, a do Matthey Cay, un mercante inglés fundido o 22 de setembro de 1887. Os visitantes quedan abraiados como Monolo López, Alexendre Nerium, conta a historia deste naufraxio. Nerium é un lobo das profundades mariñas fisterrás, nas que se mergullou durante anos para gañar a vida ao tempo que compuña versos. Agora é a verdadeira alma da sala de mostras, polas que en trece anos pasaron 110.000 persoas que pagan entrada. É unha pequena lección do que podería supor se na bisbarra do furor do Atlántico se expuxera, analizara, interpretara e mostrara a historia das traxedias máis sentidas e vividas neste océano de lendas e realidades. Un fenómeno esquecido porque quen ten a oportunidade de realizalo ten outras ocupacións ou non amosa o interese que sería necesario. A verdadeira morte, a eterna, a do esquecemento.