Os institutos da Costa da Morte logran manter o número de alumnos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

EDUCACIÓN | O luns comezarán as clases 4.327 estudantes de ESO e bacharelato. En Corcubión, Sempre Corcubión achaca a perda de escolares do Praia de Quenxe ao recrote das prazas de comedor. Na Laracha, abre o prazo para solicitar bolsas de axuda

14 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os colexios de infantil e primaria da Costa da Morte suman este ano menos alumnos que o curso anterior, pero os institutos logran manter o volume de matrícula. Os estudantes de infantil e primaria levan varios días nas aulas, sen máis incidencias que as obras do Fogar, que se están liquidando con máis atención e algunhas apreturas nos espazos exteriores. E este luns tocaralles aos de secundaria, tanto en centros integrados como en institutos. As achegas de centros privados son en Carballo, Cee e Fisterra, ademais do Fonteboa, en Coristanco.

A suma global de 4.327 alumnos nos 16 concellos da zona é practicamente idéntica á do ano pasado, aínda que existan bastantes cambios se se compara concello a concello. Por exemplo, segundo os datos facilitados pola Xunta, na Laracha están matriculados 336 alumnos para cursar ESO, cando o curso anterior eran 273. Por contra, en Carballo hai agora 1.009, cando o ano pasado a estas alturas figuraban 1.152. En Vimianzo sobe un pouco, en Zas mantense, en Cabana baixa de 94 a 80. As altas duns compensan as baixas doutros. Co bacharelato pasa o mesmo, con 16 menos no cómputo global. En ESO, 15 máis.

Os mozos da Laracha teñen aberto o prazo para solicitar as bolsas de axuda

O Concello da Laracha inviste 55.000 euros en axudas para os estudantes do municipio, desde educación infantil ata universitaria. O prazo quedou aberto onte.

Ata o día 3 de outubro, os posibles beneficiarios poden facer os trámites no consistorio. As bolsas de axudas están destinadas ás familias para a escolarización dos seus fillos. O que pretenden desde o Concello é colaborar na satisfacción dos gastos derivados do inicio do curso, tanto para a adquisición de material escolar e didácticos complementario, como vestiario ou calquera outro desembolso relacionado coa actividade educativa.

Os interesados dispoñen, pois, de 20 días naturais para presentar as instancias, que se poden recoller no consistorio ou baixalo da web municipal. Unha vez concluído o período hábil, a comisión de valoración analizará as solicitudes presentadas e atenderá, de acordo cuns criterios técnicos, ás familias con menos recursos económicos.

As axudas serán de 125 euros cada un para os alumnos de educación infantil; 100 para os de primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social; 180 para os de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, e 300 para os que fagan estudos universitarios de grao medio ou superior ou aqueles alumnos que requiran necesidades especiais. As achegas do Concello son compatibles con outras bolsas que poidan obter os beneficiarios.

Vimianzo

Mañá pechará o prazo establecido polo Concello de Vimianzo para solicitar as axudas escolares, destinadas a familias con rendas anuais inferiores a 9.000 euros.

Sempre Corcubión achaca a perda de escolares ao recorte das prazas de comedor en Quenxe

«A Xunta de Galicia reduciu o número de prazas de comedor no CEIP Praia de Quenxe ata un punto que nin sequera cubría o número de usuarios do curso anterior, co que tódalas posibles novas incorporacións ó centro se atopaban con que non poderían ser usuarios deste servizo tan esencial para a conciliación da vida familiar e laboral dos usuarios do centro», denuncian Sempre Corcubión, que asegura que «isto levou a que este ano apenas seis nenos se incorporasen ó primeiro curso de educación infantil, cos inconvintes que isto xera, posto que obrigou a fusionar cursos dado que non se daba o ratio mínimo de alumnos por profesor, co que a ».. Xunta conseguiu dous recortes nun

Aínda por riba, a formación liderada por Alfredo González, incide en que a isto hai sumar que o parque infantil do centro, debido ao estado de abandono no que se atopaba, facíase perigoso para os nenos, polo que tivo que ser retirado. Pasaron xa dous anos «e os pequenos do Praia de Quenxe seguen sen ter parque para xogar».

Pleno urxente

Sempre Corcubión solicitará a convocatoria dun pleno urxente para abordar estas cuestións posto que, «aínda que o mal xa está feito», é preciso que se incremente ata un mínimo de 50 o número de prazas no comedor, ademais de reclamar que se restitúa o parque infantil o máis axiña posible. A formación considera que é un asunto o suficientemente importante para que fale o pleno.