Perfecto Calviño: «Ó correr teño case a mesma ilusión ca o primeiro día»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O cercedense vén de proclamarse campión de España en División 1 a falta dunha carreira para o fin do torneo

12 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Perfecto Calviño segue mandando aos seus 49 anos na División 1 do Campionato de España. A pasada fin de semana fíxose co título por sétima vez, que se di pronto. E iso que aínda falta unha carreira por disputar. Das sete probas nas que competiu, gañou cinco. A última, no circuíto Antonio Vadillo de Miranda do Ebro, en Burgos.

Para lograr a fazaña, abondáballe con rematar a cita en calquera posición por diante do seu máximo rival, Víctor Álvarez, de Talavera de la Reina, en Madrid. No entanto, ao final, subiu ao caixón máis alto e o seu adversario tivo que envexalo desde a segunda posición.

Non lle resultou tarefa sinxela, explica: «Empecei ben: fixen a pole. Pero na primeira manga, por un despiste meu, movéuseme o coche na saída, polo que fun penalizado. Fun segundo. Na seguinte manga, saín desde a segunda fila e terminei na mesma posición. E á terceira foi a vencida: gañei. Xa na final, saín dende a segunda fila e non foi ata a terceira volta cando logrei adiantar a Víctor».

Volver gañar este campionato non foi unha sorpresa para Calviño, asegura: «É o traballo de todo o ano. Foron saíndo as cousas bastante ben». Só dúas carreiras déronlle problemas: a primeira, na que sufriu un envorco co seu Ford Festa Proto, e a disputada en Carballo, na que o seu coche recibiu un golpe. De ambos saíu ileso. «Estes coches son moi seguros», comenta.

Perfecto aínda non pensa en retirarse: «Teño case a mesma ilusión ca o primeiro día», confesa. Os mozos pilotos que o acompañan en cada campionato ao correr cos coches que el mesmo fabrica baixo a marca Yacarcross motívanlle, conta: «Na categoría carcrós júnior, este día, un piloto noso tamén se proclamou campión de España. É moi bonita a experiencia que vivimos xuntos».

Este cercedense ten mecha para longo: «Vou ir á última proba en Talavera de la Reina para intentar gañala. Iso sempre», expresa. E iso que xa ten os puntos necesarios que o acreditan como gañador do campionato. Pero antes, terá a próxima fin de semana unha pelexa con xeito e Gonzaba, entre outros pilotos coñecidos, en Arteixo, nunha proba de ralimix.

Este ano, un mallorquino de 22 anos uniuse á competición en División 1 e estalles dando bastante guerra, asegura: «Ten un Peugeot 208 R5 fabricado por Peugeot oficial, non coma os que nós facemos. Pero está ben que se incorpore xente nova. Dálle máis emoción ó torneo, senón sempre estamos os mesmos». Son participantes maioritariamente moi experimentados na categoría.

O próximo ano asegura que seguirá dando guerra en División 1 como poida. A fabricación de coches de competición ocupa gran parte do seu tempo. Con sede en Culleredo, onde desde hai anos reside, produce para todo o mundo. E cada vez son máis os pilotos que confían nel para lograr os mellores tempos. Iso faille viaxar moito, e el está encantado, asegura: «Hai quince días fomos con bastantes coches a unha carreira en Alemaña. O próximo fin de semana iremos a Italia ó campionato de Europa. E en outubro, tocará rali en Cerdeña, onde o ano pasado gañaron un monoplaza e un turismo nosos».

Novos clientes saíronlle en Irlanda e Australia. E é que ao negocio ir vento en popa, aumentaron os distribuidores. Pronto sacarán un modelo novo moi relacionado co incremento de produción, pois se trata dun carcrós homologado por todo o mundo. Levan un ano traballando nel. «A idea é seguir abrindo mercados», sentenza.