Vandalismo a ritmo de Combo

A multitudinaria verbena do venres en Baio deixou un regueiro de danos no mobiliario do paseo da localidade


cee / A voz

Na verbena do venres en Baio tocaba o Combo Dominicano e o grupo Unión e Forza. Como era de esperar, porque é o que pasa desde hai xa moitos meses coa orquestra de ritmos latinos, a asistencia foi multitudinaria. O que xa non era tan previsible, ou polo menos non debería de selo, é que ese espectáculo de música, baile e diversión tivese outra parte bastante menos lustrosa: a do regueiro de danos producidos no paseo da localidade, onde destaca sobre todo unha varanda de madeira dunha ponte, literalmente arrancada. A iso hai que sumar, como explica o alcalde, Manuel Muíño, varios xogos do parque infantil rotos, outro poste de madeira arrincados, unha tapa da rede de sumidoiros que desapareceu en Baio Pequeno e distintos danos de menos entidade en papeleiras e outras pezas de mobiliario público.

«Hai que ser salvaxes, porque para isto tiveron que tirar e empurrar ben, porque a varanda levaba alí xa moitos anos e estaba perfectamente fixada, nunca deu problema», asegura Muíño, para quen hai outro aspecto importante, en canto a comportamento social que cabería corrixir. «Iso non se fai sen que alguén o vexa, o que pasa é que calamos ou pasamos de todo porque pensamos que é mellor e eu creo que non, porque se se colle a un e se lle fai pagar, polo menos que teñan que arranxalo, veríase que eses comportamentos teñen un castigo», engade.

Evidentemente, de todo isto non ten culpa algunha o Combo, a París de Noia, a Panorama ou a que sexa a orquestra que consegue atraer aos seus espectáculos a moitos centos, incluso miles de persoas. Agora ben, para o alcalde de Zas -tal como apuntaban distintos representantes do mundo da cultura en La Voz hai unhas semanas- estableceuse un modelo de festa que non lle gusta por moitos motivos, á marxe de que el xa non estea na xeración dos rapaces que forman o público maioritario. Cre que nas verbenas, á parte da presenza que ten o botellón, hanse masificado ata tal punto con asistentes de fóra da localidade que a celebra, que se volveron incómodas para unha parte moi importante da poboación local. «Estase expulsando á propia xente do pobo. Xa non vas nin hasta alí a tomar unha copa porque non das chegado á barra», ejemplifica o rexedor de Zas. De feito, para el éxito do Combo Dominicano, por pór un exemplo, non son nin sequera os músicos, senón o propio ambiente. «Eu penso que nin sequera van a velos a eles, van detrás do mogollón, de onde hai ambiente, porque tamén o fixemos os outros na nosa época. Ías a onde había xente», conclúe Manuel Muíño.

Unha excepción dentro dun ano positivo en canto a danos no municipio

«Algunha papeleira e iso, pero xa case o das por bo». Así explicaba tamén onte o alcalde de Zas, o que están a ser os últimos tempos en canto a danos do mobiliario público e das instalacións tradicionalmente máis sensibles, como son as áreas recreativas. Así cando hai só uns anos era raro o mes de verán no que Zas, e en xeral toda a contorna, non era noticia por desfeitas de grandes proporcións en lugares como, por exemplo, Pedra Vixía, agora parece que esa tendencia se cortou. De feito, o episodio do venres en Baio -ligado á festa como adoitan estar todos estas desfeitas- se pode considerar practicamente excepcional nos últimos tempos.

También ~en La Voz

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
7 votos
Comentarios

Vandalismo a ritmo de Combo