Carlos Pazos: «Case cada ano cambiamos de percorrido, pero este demos co mellor»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

O técnico de Deportes de Corcubión di que a carreira pedestre do Concello trae moitas novidades e novo récord de inscritos: será o próximo domingo

28 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Carlos Pazos Ríos (1980) naceu en Santiago, pero aos dous anos de idade instalouse en Cee, onde vive a día de hoxe. Cumprirá en xaneiro os doce anos como técnico de Deportes do Concello veciño, Corcubión. Será alí onde este domingo vivirá a 18.ª edición da carreira pedestre do municipio, que el mesmo organiza, integrada nos circuítos Correndo pola Costa da Morte e Deputación da Coruña. Informa que trae moitas novidades. Hoxe é o último día para anotarse (ás 23.59 horas termina o prazo), tanto en www.championchipnorte.com como en www.correndopolacostadamorte.com.

-Como vai o ritmo de inscricións?

-Agora mesmo [por onte] hai 809 inscritos, case cen máis que a edición pasada. Cada ano aumentamos o número, tanto nas carreiras como no circuíto, e tanto nas categorías inferiores como nas dos maiores. Para nós, en concreto, é unha sorpresa, pois Corcubión é un Concello que non chega ós 2.000 habitantes. E se miramos a cando comezamos a facela aínda máis, pois eramos cen persoas.

-A que se pode deber este incremento?

-Este ano démoslle moita publicidade para que participara máis xente do pobo, pois ultimamente parecíalles que era para atletas profesionais e deixaron de acudir. E conseguimos que persoas que participaron nos inicios da proba regresen este ano. Tamén, que moitos nenos se apuntaran. Temos 61 na categoría pitufos. Creo que o incremento débese, asimesmo, ó esforzo que facemos todos os concellos que nos sumamos a esta iniciativa, aportando xente a cada carreira.

-En que categoría hai máis anotados?

-Na 10K, como é práctica habitual, seguida pola 3K. Esta última, ao doar os cartos da inscrición integramente á loita contra o cancro, reúne moita xente.

-Hai novidades nesta nova edición?

-Dúas. A primeira ten que ver co percorrido. Volvemos ós inicios. Iremos ata o Faro Cee en vez de continuar polo pobo. Partiremos da Praza Castelao, pasaremos polo colexio e o pavillón iniciais, e poñeremos rumbo á estrada do faro. Unha vez alí, daremos volta polo mesmo camiño pero desviándonos, despois, dirección ó paseo marítimo e ó porto.

-Por que ese cambio?

-Case cada ano cambiamos de percorrido, pero este demos co mellor. Sempre buscamos chegar ó faro polas vistas, pero facíasenos complicado polas costas pronunciadas mais por ter que facer ida e volta por un mesmo camiño. Pero este ano, aínda que para a organización esta proposta sexa máis difícil, quixemos mirar máis polo goce dos corredores.

-Con que vistas se atoparán os participantes dende alí?

-Cunhas moi bonitas. Á dereita, o faro de Fisterra. Enfronte, o faro de Lobeira e a baliza de Carrumeiro. Á esquerda, o Monte Pindo.

-Vostede adoita participar neste tipo de probas?

-De pequeno tiven un accidente de moto que tan só me permite facer bicicleta e natación. Aínda así, o atletismo nunca foi o meu forte [ri].

-En que consiste a segunda novidade?

-En que pasamos de facela o sábado a tarde a domingo pola mañá. Mais en que a primeira saída será a da proba 10K. Queremos empezar forte.

-O cambio de data a que se debe?

-O sábado coincidíanos con outras probas. Este ano, que volvemos a pertencer ó circuíto provincial da Deputación, mesmo nos pasaba coa de Noia, tamén incluída nel. Buscamos unha data na que viñera máis xente.

-Cantas persoas vai mover esta proba en termos organizativos?

-Co novo percorrido, máis que nas anteriores edicións: sobre unhas 35. Estará Protección Civil de distintos concellos, entidades da localidade e traballadores municipais e familiares destes últimos, entre outros. Aínda estamos organizando este tema, pero calquera que queira colaborar ten as portas abertas.

-E que din as previsións meteorolóxicas para o domingo?

-Non dan choiva algunha. O que si, un pouco de vento. Pero nesta zona, o tempo cambia cada día. Tamén haberá nubes ou sexa que, aínda que dependemos do vento, en principio vai ser un día perfecto para a práctica do deporte.

-Aínda queda todo un día por diante para o peche de inscricións. Cre que estas poden aumentar moito máis?

-O obxectivo en termos de inscrición está alcanzado. O que si, moitos dos atletas que adoitan gañar moitas probas aínda non confirmaron asistencia, ou sexa que pode ser, quizais, un pouco máis alta.