Primeiro derbi do curso na Ara Solis: Fisterra-Laracha

La Voz

CARBALLO

BASILIO BELLO

O cadro fisterrán volve a Preferente para enfrontarse, con cinco caras novas, ao Laracha de Nando

25 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A primeira xornada de liga empeza cun prato forte en Preferente Autonómica, cun derbi comarcal ao grande. A Ara Solis acolle (18.00 horas) o regreso do Fisterra á Preferente Autonómica. Os de Anxo López mediranse ao Laracha de Nando, un equipo chamado a cousas importantes esta liga e que buscará realizar un gran papel para regresar ao lugar que lle corresponde por historia e potencial: a Terceira División.

O cadro fisterrán presenta cinco caras novas con respecto ao elenco que logrou o brillante ascenso de categoría. O preparador ten claro que se o Fisterra xoga en casa «temos que ser doce contra once», en alusión ao papel que debe xogar a afección. Con respecto ao equipo, Anxo López agarda que os seus xogadores non paguen a novatada e que, en teoría, unha das cincentas do grupo, sexa capaz de dar un golpe sobre a mesa: «Levabamos 33 ou 34 anos sen xogar en Preferente e o acadamos. Agora os xogadores non teñen que saír fóra para xogar en Preferente, poden facelo no equipo do seu pobo, teñen unha oportunidade de facer historia, de facer as cousas ben e con iso conto».

En fronte, un Laracha completamente renovado. Chegou Nando ao banco do municipal e do cadro de persoal, só permanece con respecto ao pasado curso Iván, capitán do equipo, «os outros 19 son novos», sinalou Tonecho, director deportivo do Laracha. A media de idade do equipo é relativamente baixa: «Os máis veteranos teñen entre 26 e 27 anos» e sobre lle papel de favorito, Tonecho cre que é moi pronto para falar de ascenso: «Vai ser unha das preferentes máis complicadas dos últimos anos. Hai varios equipos potentes como o Boiro, Noia, Arteixo, Viveiro, Ribadeo, Sarriá... Non vai ser un paseo», augurou.