Joaquín Carneiro: «A emigración dos últimos anos é moi cualificada»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / A VOZCARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Este pontecesán leva 49 anos instalado no país canadense, aínda que regresa cada verán. É vicecónsul en cinco provincias do país norteamericano

25 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Joaquín Carneiro Pose (Tella-Ponteceso, 1945) marchouse cuns 20 anos a Toronto (Canadá), para coñecer unha nova cultura durante dous anos como moito. No entanto, co título de enxeñeiro técnico químico recentemente sacado, apareceulle traballo en Ontario Hydro, compaña de produción de enerxía eléctrica considerada no seu momento a máis grande do mundo. Foi o inicio dunha longa estancia en América do Norte que aínda perdura, 49 anos despois. Desde o 2004, ademais, é vicecónsul de España en Winnipeg, capital de Manitoba, onde vive. Exerce estas funcións, ademais, nas provincias de Saskatchewan e parte de Ontario, así como Alberta e British Columbia, o que vén sendo unha superficie de case oito veces España. Estes días atópase na Costa da Morte, onde regresa case todos os veráns para pasar un mes ou ás veces, mesmo, máis.

-Ten baixo a súa responsabilidade a moita xente.

-Só Winnipeg é unha cidade duns 800.000 habitantes. Moita xente pasa a diario pola miña casa. Tamén eu visito a moitas persoas, asisto a actos... O consulado é un cargo voluntario que dá bastante traballo. Dedícolle moitas horas ao día. Pero é bo para axudar aos meus compatriotas, e con moita frecuencia, aos canadenses, pois talvez teña máis traballo con canadenses que con españois.

-Como chegou a este cargo?

-Era coñecido na comunidade española en Winnipeg. Vivira en Toronto durante moitos anos e deixei moitas amizades. Alí está o consulado central de España do que eu dependo. Cheguei a oídos do cónsul de Toronto, naquel entón o posto estaba vacante, veu a Winnipeg, tivemos unha longa entrevista, preguntoume se querería desempeñar o cargo e díxenlle por que non. Iso foi no ano 2004. Agora penso que xa é tempo de pasar a testemuña a outra presenta pero dá unha certa satisfacción axudar á xente e, entón, seguramente continúe uns cantos anos máis.

-Cales son as súas funcións?

-Son o representante e portavoz da comunidade española en Winnipeg. Estou recoñecido tanto polo goberno federal como polo provincial de Manitoba, o que supón que ambos se comunican a través de min cando é necesario. Asisto a moitos actos oficiais, invítanme a moitas cousas... A miña casa, concretamente, é un espazo no que está vedado entrar sen permiso. A policía non pode entrar sen unha orde xudicial moi seria. É un espazo diplomático. Se hai unha urxencia, teño que responder eu. Hai moitos casos de criminalidade, de inmigrantes que chegan indocumentados e inmediatamente veñen a min.

-Cantos emigrados de España hai nas provincias que vostede controla? E galegos?

-É curioso que non lle poida responder con certeza. O rexistro central está en Toronto e non me está permitido acceder. En Winnipeg pode haber preto de 500 españois, dos que a maioría non naceron en España senón en calquera país de Latinoamérica, África, a India, o Oriente Próximo... En Saskatchewa imaxino que hai unhas 200-300 persoas. En Alberta, posiblemente unhas mil, e en British Columbia, de dous a tres mil. Hai unha ampla representación galega. É máis común que emigren galegos a estas provincias que xente doutras rexións de España. O galego, por sorte ou por desgraza, sempre tende a emigrar.

-Ten contacto con xente da Costa da Morte que estea alí?

-Da Costa da Morte hai varias persoas de Zas e Ponteceso, pero máis de Vigo, Ourense, Ferrol, Noia e Boiro.

-Con que metas van?

-A emigración que chegou nos últimos anos é xente moi cualificada, diferente á dos anos 60 e 70 á que eu pertenzo. Teñen aspiracións altas. O que pasa é que desde que chegan a Manitoba hai un período que teñen que empezar onde poden e tratar de progresar. Algúns se desaniman e regresan. Pero a xente española é traballadora e triunfa polo mundo.

-Traballou coa produción da enerxía eléctrica. De feito, graduouse en Toronto como científico químico. Se a compara coa que leva a cabo en España, que opina?

-Máis ou menos traballei niso toda a miña vida. Primeiro na parte técnica e, logo, fun avanzado cara á dirección e xestión de empresa. Pódolle dicir que a electricidade é significativamente máis barata no Canadá porque en Manitoba é fornecida predominantemente a través de recursos hidrolóxicos, o que chamamos presas ou pantanos, que son xigantescos porque a zona é moi chaira. Non tes os desniveis que hai en Galicia, por exemplo. Entón, prodúcese moita e expórtase a Estados Unidos: Wisconsin, as Dakota, Kansas...

-Tamén estivo moi en contacto coas universidades nese ámbito. Pódese dicir que no Canadá as empresas están máis en contacto coa universidade que en España?

-A empresa na que estiven en Toronto era xigantesca e segue séndoo. Manitoba Hydro non tanto, pero está entre as máis grandes desas dúas cidades. Hai moito contacto entre as empresas e as universidades. Sacan moitas bolsas para a investigación e o desenvolvemento e pagan á universidade para que fagan estudos que necesitan. Por todo isto eu diría que si, pero con certa dúbida porque non coñezo suficientemente ben ese ámbito en España. No Canadá considérase á universidade como algo que axuda ás industrias e ao desenvolvemento do comercio.

«A sociedade canadense é moi tolerante, séntesche moi cómodo»

Joaquín Carneiro é fillo único dunha familia moi coñecida e querida en Ponteceso, dedicada fundamentalmente a actividades agrícolas. A día de hoxe, conserva o seu idioma natal, o galego, que fala con asiduidade. Aínda que a súa vida no Canadá sempre estivo moi ligada ao traballo, tamén quedou tempo para o lecer saudable.

-Ten pensado regresar algún día permanentemente a Ponteceso?

-Non estou seguro. Teño unha casa e algunhas propiedades e moitos amigos estendidos por Galicia, pero tamén un fillo no Canadá, que naceu alí e que non creo que teña nas súas metas asentarse en España. Entón, quen sabe. É en grao sumo agradable estar aquí, pero a miña vida está alí.

-Que foi o que lle namorou do Canadá para quedar toda a vida?

-É unha sociedade moi tolerante. Cada un pensa ao seu modo e respecta o xeito de ser doutra xente, e ninguén se mete na túa vida. Séntesche moi cómodo xa que o ambiente é moi civilizado. Cando che dás conta, aquilo agárrache.

-Ademais de traballar, practicou moitos deportes e foi ao conservatorio. Foméntase no Canadá un estilo de vida moi diverso?

-Teño moitas afeccións. O mundo do automóbil fascíname. Estou moi metido nel. A guitarra clásica apaixóname. Non son un gran concertista pero refúxiome nela constantemente. Os deportes, agora practícoos menos, pero foi unha parte moi importante da miña vida. Canadá formouse a base de inmigrantes pioneiros. Esa cultura de vivir fóra de casa e ir ao campo perdura aínda. Moita xente vive na cidade e pasa o verán e as fins de semana no lago. Hai un cariño pola vida activa fose de casa, aínda que o canadense é moi caseiro, tamén. Complementan á perfección ambos os estilos de vida.