«Só os que xogamos ao balonmán sabemos o que significa para nós»

nuria guillermo / m. r. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A carballesa Juana Garrochena despídese do deporte ao que lle dedicou 24 anos e da súa empresa, Playmakers

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A un deportista sempre lle resulta complicado dicir adeus á actividade á que lle dedicou boa parte da súa vida. Para a carballesa Juana Garrochena, a pasada tempada supuxo a despedida do deporte que a acompañou desde nena. Aos seus trinta anos, a lateral dereita do Xiria pecha a súa etapa como xogadora do persoal sénior do equipo que a viu crecer.

Esta moza iniciouse no mundo do balonmán con tan só seis anos. «Empecei con Juan Ramón García del Río. Antes de entrar no colexio, ás oito da mañá, iamos ao ximnasio xogar ao balonmán», lembra. «Non lembro moito por que me chamou a atención. Supoño que porque as miñas amigas eran maiores ca min e todas practicaban este deporte. Penso que empecei a ir con elas», engade.

Dese primeiro contacto pasou a formar parte do equipo alevín do Xiria, onde continuou ata os dezaseis anos. «En Carballo deixou de haber equipo feminino e tivemos que deixalo», conta. A desaparición do equipo deuse no ano 2007. Con todo, isto non detivo a súa paixón polo balonmán, polo que, xunto a dúas compañeiras, militou no seu primeiro ano como sénior no Balonmán Coruña e, os dous anos seguintes, no Encaixe de Camariñas. No 2012, un grupo de xogadoras do antigo Xiria reuniuse coa directiva para recuperar o equipo feminino. Isto supuxo a súa volta a casa. «Estivemos ese primeiro ano adestrando, sen competir, e ao ano seguinte, xa saímos á competición», explica Garrochena.

Dos seus anos como xogadora, di gardar moitos recordos marabillosos, especialmente aquelas amizades que o deporte lle deu. «Só os que xogamos ao balonmán sabemos o que significa para nós, e para min todas as miñas amizades estaban alí. Agora que o vou deixar pregúntome que vou facer nas fins de semana. Para min xogar implicaba estar coas miñas amigas de sempre, polo que o que vou botar de menos ao final é iso», comenta melancólicamente. «Nas categorías de infantil e cadete chamáronme da selección galega, e alí tamén coñecín moita xente», engade.

A pesar da súa paixón e dedicación cara ao balonmán, Garrochena tomou, durante a pasada tempada, a decisión de deixar os terreos de xogo. «Estes dous últimos anos foron, quizais, os meus peores, porque fisicamente non podía coma antes. A cabeza quere seguir, pero o físico comeza a pesar. Ademais, eu son monitora de zumba e outras actividades, entón traballo moito co meu corpo. Saía de dar clase ás dez da noite e despois tiña que ir adestrar. Fisicamente non podía e, mentalmente, frustreime», explica. «Ademais, as prioridades son diferentes co paso dos anos», engade.

En canto ao seu futuro profesional, adianta que vai pechar Playmakers, a empresa de monitorado que creou xunto a Jessica Posse. «Gústame moito o meu traballo, pero quero estabilidade», expresa. Nos próximos anos, continuará como monitora, agora contratada polas escolas Xiria, e preparará as oposicións para profesora de Educación Física. Ademais, a próxima tempada seguirá como adestradora das categorías basee do equipo carballés. «Xa o ano pasado estiven como adestradora das nenas do equipo benxamín e do alevín, e este ano, continuarei. Tamén me plantexo seguir xogando no balonmán de veteranas», afirma.

Juana Garrochena retírase das pistas como xogadora sénior, pero o mundo da actividade física poderá seguir gozando da súa participación desde diferentes ámbitos, como o de zumba. «Levo o deporte no sangue», conclúe.