A poesía nacida nas fendas das pedras recibe o López Abente

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Manuel Vilar, Noelia Gómez, Aurelia Picallo e Suso Sambade centraron o acto de entrega en Muxía coa música de Abaladeiras

07 ago 2019 . Actualizado ás 18:49 h.

«A poesía que prevé o baleiro e abre as fendas do que non é, ata chegar a a habitar o oco», tal como o definiu o xurado, da naronesa Ana Varela Miño, foi distinguida este venres pola noite en Muxía co Premio de Poesía Gonzalo López Abente. Onde nacen as hedras, valeulle á autora os 2.000 euros en metálico do galardón a figura de Rosalía de Castro elaborada por Cerámicas do Castro, o premio gordo de ver a súa obra publicada en Xerais, probablemente de cara ao ano que vén, e as, non menos importantes, palabras moi agarimosas de todos os presentes no acto de entrega. O Salón do Voluntariado de Muxía converteuse nun canto á perda, ao baleiro do que marcha, pero afastado desa fatalidade tráxica, suplida pola vida que chega, coma a das hedras nas fendas das pedras.

Coa directora do colexio dos Muíños, Aurelia Picallo, como mestra de cerimonias, e ambientación de Abaladeiras, que tal como explica o escritor Xan Fernández, tamén presente, abriron o acto cunha peza e pechárono con outras dúas, a entrega serviu como unha oda muxiana á cultura. Primeiro polo propio premio, e pola figura de López Abente, e despois polos participantes. Aparte de Suso Sambade, encargado de ler o fallo, como secretario de xurado, tivo unha presenza destacada o flamante director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar. Como non podía ser doutro xeito, referiuse ao poeta muxián do mar, pero tamén atopou un oco para o propio museo, recentemente distinguido co premio Fernández-Latorre, e para Antón Fraguas, homenaxeado este co Día das Letras Galegas, e ao que Vilar se referiu como discípulo, xa tamén foi, antes ca el, encargado de dirixir o principal museo antropolóxico do país.

O alcalde, Iago Toba, foi o encargado de facer a entrega e Noelia Gómez, a gañadora do ano pasado, agasallou aos presentes cunhas cantas pingas de cada unha das tres partes de O Xiro, a obra que lle valou o López Abente no 2018. Tamén Varela Miño, ademais de mostrarse tremendamente agradecida, ofreceu un pequeno adianto, aínda co manuscrito nas mans, do que será Onde nacen as hedras xa coa máis coidada factura de Xerais.

Explicaba estes días en Radio Voz a naronesa, que xa gañou o Francisco Añón no 2017, que o seu é «un poemario que trata sobre as ruínas e o abandono, o seu proceso de transformación, pero tamén sobre o que queda, o que nace e sobrevive entre esas ruínas». Unha oportunidade que lle permite afastarse un pouco da escrita diaria que practica como tradutora e intérprete, para gañar ese «espazo propio» que atopa na poesía «que se fai por gusto e que se le por gusto tamén». Oportunidade que agora, ademais, deixará para sempre o seu nome ligado ao de Muxía e ao de Gonzalo López Abente.