«Xa era hora de que a Costa da Morte tivese varias alcaldesas»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

26M: As novas corporacións | De cero a tres en só catro anos: Mónica Rodríguez, Margarita Lamela e Sandra Insua son as novas «e orgullosas» rexedoras de Vimianzo, Cee e Camariñas

17 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

De sesenta e seis candidatos que o pasado 26 de maio postuláronse para algunha das 16 alcaldías da Costa da Morte só 10 eran mulleres. En nove municipios de Bergantiños, Soneira e Fisterra, nin unha soa muller figurou como cabeza de lista: nin sequera en Coristanco, onde os oito partidos que se pelexaron polo pastel consistorial levaron a homes como xefes.

Con todo, a decisión dos votantes e as posteriores investiduras alzaron a tres mulleres como mandatarias nos concellos de Cee, Camariñas e Vimianzo. Tres mulleres, todas elas socialistas, serán alcaldesas durante os próximos catro anos; no 2015, non houbo nin unha soa.

«Xa era hora de que a Costa da Morte tivese varias alcaldesas, para min é un auténtico orgullo, e que ademais sexamos as tres da familia socialista», dicía onte a vimiancesa Mónica Rodríguez, que tamén aseguraba estar aínda «asimilando» o seu novo cargo. As tres xuntas, que coincidiron nun acto celebrado en Cee en homenaxe aos caídos na guerra civil, posaban así de riseiras portando unha flor vermella cada unha delas. «Somos as tres rosas», chanceaban.

Ser muller e ter un posto público en política segue sendo moi difícil: «Admiro a calquera muller en política. Hoxe en día é algo máis fácil do que adoitaba ser, pero segue sen ser sinxelo para nós. Por sorte, o camiño está xa iniciado e esperemos que, de aquí en diante, sexa algo común, e non unha novidade, ver tantas alcaldesas como alcaldes», sinala Mónica Rodríguez, que di sentir especial cariño e admiración por Pilar Cancela, con quen garda unha bonita relación de amizade. «En realidade, admiro a calquera muller que ocupe un posto de responsabilidade», engade a socialista.

Díaz e Chacón: referentes

En Camariñas, pola súa banda, non será esta a súa primeira experiencia cunha muller á fronte, pois xa Sandra Insua tomou as rendas do Concello en setembro, tras a dimisión de Pichurri. Con todo, si foi esta a primeira vez que Insua viu referendado polo pobo o seu proxecto político, e non pode estar máis orgullosa: «Cando estudaba lía moito a Rosalía. Pensei algunha vez nisto da vida política, pero o que sempre tiven claro foi a miña vocación de servizo público. As situacións de discriminación ou desigualdade póñenme a pel de galiña e non podo evitar tratar de facer algo para poñerlles remedio. Sei que, ao mellor, unha grande obra é máis vistosa, pero tamén hai moito traballo coa xente detrás, traballo que non se ve», sinala a camariñá, que ten a Susana Díaz e a Carme Chacón como dúas dos seus grandes referentes políticos, así como tamén ás súas homólogas Mónica Rodríguez e Margarita Lamela. «Estou contentísima de que as tres esteamos aquí, pois son persoas coas que teño moito trato; de feito, hoxe [por onte] démonos unha grande aperta», dixo Insua, que só se lamentou de que non coincidisen na cor da vestimenta para reforzar -aínda máis, se cabe- o sentimento socialista que tan arraigado teñen.

«Tiven moitos mestres»

Moitos lle din a Margarita Lamela que o seu maior mestre o tivo en casa e que o seu pai, o exregidor socialista Antonio Lamela, tivo moito para ensinarlle. «Pero en realidade eu tiven moitos mestres, pois pasei a miña infancia a carón dos grandes socialistas da comarca, como Alejandro, Bautista, Pequeño, Pichurri, Félix Porto, Marisol Soneira...», confesa a nova rexedora de Cee. «Tamén me inspiraron moito Miguel Cortizo, Ceferino Díaz -que sempre apostou moito pola Costa da Morte-, Sánchez Bugallo, Pablo Arangüena ou Ángel Mato; e a nivel de mulleres en política marcáronme moito Carmen Calvo, Marisol Soneira ou Mar Barcón», engade Lamela. Para ela, que tres mulleres sexan as mandatarias noutros tantos concellos da comarca é un feito histórico; e ademais en municipios «nos que a lista máis votada nunca foi a encabezada por unha muller ata estas eleccións».

Onte mesmo comezou a traballar, aínda que aínda lle custa crerse todo o que está a suceder. «Nun dos últimos plenos dicíame Ramón Vigo que o importante non é tanto ser alcalde como ver que a maioría da xente do teu concello che demostra que te elixe a ti nas urnas», conclúe.