Fonteboa conecta aos seus alumnos coa súa contorna rural e gaña o premio provincial de Voz Natura

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Á hora de valorar a proposta, o xurado tivo en conta a conexión coa contorna e a variedade de actividades

13 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Vivir nunha contorna rural non significa estar conectado cun mundo que ten un gran valor e que corre o risco de perderse. Desde Fonteboa percibiron ese risco e decidiron dedicar o seu proxecto de Voz Natura a mostrar aos seus alumnos de ESO, que proceden de distintas contornas, o que é a vida no campo. Con esta iniciativa fixéronse co premio provincial do programa que promove a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e que patrocinan a Xunta, a Deputación da Coruña, o Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces. Á hora de valorar a proposta, o xurado tivo en conta precisamente a conexión coa contorna e a variedade de actividades, desde a conservación da biodiversidade ata a limpeza do río pasando pola recuperación de tradicións e oficios.

Complexo

Este proxecto complexo, que abarca todos os aspectos da vida nun ambiente rural, desenvolveuse ao longo de todo o curso e contou coa colaboración de especialistas, como o escultor Anxo Cousillas, ou familiares ou veciños do centro, que mostraron aos estudantes actividades que eran habituais ata hai uns anos, pero que apenas ven xa, como a esfolla tradicional.

Os estudantes de Secundaria acolleron con entusiasmo o programa que en moitos casos lles serviu para estreitar lazos e compartir coñecementos cos seus avós.

Ademais de actividades externas, como a creación de rutas de sendeirismo ou a limpeza, contaron con técnicos para os cursos de micoloxía e apicultura. Aprenderon a manipular unha colmea, pero tamén a fabricar trampas para evitar a proliferación da avespa asiática, principal inimigo das abellas. Tiveron para todas as actividades aos mellores, ao veterinario Javier Lema Fuentes para que lles falase do lobo ou a José Espasandín, de Castriz, para aprender a elaboración de cestos. As actividades comezaron en outubro do pasado ano e concluíron fai apenas uns días.