Franco e o Val dos Caídos

Luis Lamela GALICIA ESCURA, FINISTERRE VIVO

CARBALLO

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Son curioso, confésoo. E por esa razón leo todos os días as entrevistas aos aspirantes a alcaldes que aparecen nestas páxinas. Unha das preguntas na que sempre me fixo, é «se están a favor ou en contra do traslado dos restos de Franco». Os políticos pertencentes ao abano sociolóxico das dereitas adoitan contestar que «hai cousas máis importantes que facer»; que «é un tema pasado de época»; que «en España hai outros problemas máis importantes»; que «non é o principal problema»... Máis de 40 anos do enterro de ditador e aínda non o teñen claro. Seguen considerando que nunca existiu, nin existirá, segundo eles, un momento para o traslado. No entanto, pola miña experiencia no tema da recuperación da Memoria Histórica, non me sorprende : a herdanza ideolóxica do franquismo pesa aínda moito, demasiado.

O que si me sorprende é a resposta dalgúns candidatos do PSOE: «Non é un tema municipal», «Non opino, pasou hai moito tempo», «Se estivese nel Escorial, opinaría», ou, «a favor, pero non é prioritario»...

A algúns socialistas custoulles sempre enfrontarse ao tema. E dígoo por experiencia. Na actualidade, o Goberno do Estado, do PSOE para máis acenos, declarou prioritario o traslado dos restos de Franco fose do Val, ao considerarlle a lei un intruso entre os caídos para os que nun principio foi construído. Por iso, estes aspirantes a alcaldes fanlle un fraco favor ao seu partido. E tamén á Lei de Memoria Histórica aprobada nas Cortes fai máis de dez anos. Se unha demora de máis de corenta anos non fai prioritario dignificar a democracia, apaga e vámonos.

Na Costa da Morte, e tamén noutros lugares, en canto ao cumprimento desa lei o PSOE ten nalgúns casos o inimigo en casa: son varios os alcaldables que están en contra do traslado dos restos, unha pelexa que o Goberno está a levar a cabo. Coherencia e compromiso democrático é o que lles falta. Persoalmente, que pelexo por que se cumpra a lei, síntome frustrado.