«Estamos moi contentos porque xa superamos o números de inscritos»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

O técnico de Deportes de Dumbría fala sobre a próxima carreira do Circuíto Correndo pola Costa da Morte, que pecha hoxe o prazo para anotarse, e sobre moito máis

22 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O logo do Concello de Dumbría, Dumbría é deporte, vénlle ao xeito. O vindeiro sábado, día 25, dará o pistoletazo a un intenso mes deportivo moi variado coa disputa da quinta edición da Carreira Pedestre Concello de Dumbría, integrada no Circuíto Correndo pola Costa da Morte. O técnico de Deportes, César Ferrío Martínez (Corcubión, 1974), que leva exercendo este traballo desde os 24 anos, manifestou onte estar «moi contento», a falta dun día (o de hoxe), para pechar o prazo de inscrición: «Xa superamos o número de anotados do ano pasado».

Polas mesmas datas, no 2018, as cifras eran de 826 atletas. Nesta nova edición, as plataformas www.championchipnorte.com e www.correndopolacostadamorte.com, nas que aínda os interesados poden apuntarse durante o día de hoxe ata as 23.59 horas, marcaban 878 na mañá de onte. Deste xeito, Dumbría e a iniciativa comarcal de atletismo poden falar xa dun novo éxito antes, mesmo, da celebración da proba.

O técnico achaca este logro a varios aspectos, que se resumen nun: «O número de participantes do circuíto incrementouse a nivel xeral», di. Isto explícase, segundo el, a que cada vez máis xente se anima a correr. Sobre todo, na distancia de tres quilómetros, por ser «máis alcanzable de completar», engade.

Aínda así, o traxecto que máis deportistas aglutina é o máis longo, o de 10 quilómetros. E, tamén, o que atrae a atletas de distintos puntos de Galicia ata a Costa da Morte. Ferrío falou, así mesmo, dun incremento de inscrición nas categorías inferiores, sobre todo, na de pitufos.

Nisto último teñen moito que ver as charlas que o padriño da sexta edición do circuíto, o vimiancés Damián Espasandín, está a impartir polos centros educativos dos Concellos participantes, que son dez: Camariñas, Vimianzo, Mazaricos, Dumbría, Zas, Cee, Muxía, Carnota, Corcubión e Fisterra. Onte mesmo estivo no CEIP Santa Eulalia.

Inscricións gratuítas

E é que cabe lembrar que a inscrición para as categorías inferiores é gratuíta, precisamente, para fomentar a participación e o deporte entre os máis pequenos. «No caso do noso colexio, a maioría dos nenos xa están inscritos. A verdade, é un centro moi afeccionado ao atletismo, que participa en moitas competicións», asegurou César.

Valor engadido

Para os que aínda teñas dúbidas de se tomar a saída este sábado nas instalacións deportivas do Conco, o técnico anímaos da seguinte forma: «Os percorridos van ser os mesmos dos dous últimos anos. Pero cabe recordar que teñen a peculiaridade de que transcorren por distintos tipos de superficie, con tramos de asfalto e outros de monte, pasando, incluso, por parte do camiño xacobeo. Fai a carreira máis divertida, non tan monótona».

O último aspecto ao que o corredor lle dá valor é á previsión meteorolóxica. E sobre iso, tamén Ferrío foi moi claro: «En principio, o tempo vai ser moi bo, con 18 ou 19 graos. Estaremos preparados por se hai moita calor».

Ao técnico de Deportes tocaralle traballar máis que nunca, aínda que confesa que, de non ser así, tampouco correría. Apoia a matar o atletismo, do mesmo xeito que outros deportes, pero non é santo da súa devoción: «Fun xogador de fútbol toda a miña vida. E dende que me retirei, practico ciclismo. Xa corrín bastante».

Outras citas próximas no municipio

Primeira Subida a Dumbría: rali

Senra Sport e o Concello de Dumbría celebrarán a primeira Subida a Dumbría, un rali puntuable para o Campionato de Galicia de Montaña. Será unha proba cronometrada de 4 quilómetros e 200 metros, repartida en dous días (8 e 9 do próximo mes), que irá de Olveiroa a Hospital. «Queremos poñer en valor o motor de Dumbría e recuperar o rali Mil vistas dos anos 90, organizado tamén por Senra Sport, que tivo moita fama», comentou César Ferrío». Os interesados poden chamar ao teléfono 981.741.508.

Primeira Cros de Obstáculos

O Concello de Dumbría tamén celebrará o 15 de xuño unha nova actividade: a primeira Cros de Obstáculos. «Levamos varios anos con xente adestrando a diario OCR e, neste, fíxose un equipo que comezou a competir na modalidade. Entre iso e que quixemos aproveitar o circuíto que temos en O Conco, haberá dúas distancias: a de 2,5 quilómetros, para principiantes, e outra de 7,5. Hai 150 prazas para cada unha en www.emesports.com», explicou o técnico.

Gran Fondo Ézaro: proba ciclista

O coñecido Gran Fondo Ézaro, a celebrar o 7 de xullo, vai polos 930 inscritos. César agarda superar os 1.300 ciclistas do pasado ano. Inscricións en www.granfondoezaro.com ata o 23 de xuño.

Aberto de Captura e Solta dende Kaiak

A segunda edición desta cita celebrarase os días 1 e 2 de xuño. Organiza o Club Pesca Deportiva Cíes e colabora o Concello. Inscrición no teléfono 607.594.465.