María Louro, Paula na serie: «Con 'Mareas vivas' fun privilexiada»

Patricia Blanco
Patricia branco CARBALLO / LA VOZ

O Tempo. MAREAS

JOSE MANUEL PATO

GENTES DEL FINIS TERRAE | Vinte anos despois, volveu ser querida pola xente de Laxe como aquela rapaza de Protección Civil

24 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tiña daquela só 17 anos, e dende o fenómeno da serie Mareas vivas pasaron vinte, pero María Louro Sestayo (Muros, 1980) puido revivir estes días todo aquel bulir, aquel fenómeno audiovisual. Fíxoo dende Laxe, Portozás na ficción, a onde chegou para traballar uns días no establecemento hostaleiro O Salvavidas. «Penso que tiven moita sorte de formar parte de todo aquilo, e nesta semana lembreino, por como me acolleu a xente da vila. Mareas vivas marcou a miña vida e aínda agora puiden ver todo ese cariño que nos tiña a xente. Foi moi positivo», conta. María volveu ser estes días Paula -Pauliña, se a memoria de espectador non falla-, implicada integrante de Protección Civil, irmá de Ladislao Couto (Carlos Blanco) e filla de Ramón (Tuto Vázquez). Nada tiña que ver o carácter bonachón de Paula, entregado, desprendido, co dos seus familiares na televisión, bastante máis interesados: «O meu era un personaxe moi agradecido». Tiña as súas dúbidas sobre como sería volver a Laxe, pero foron para ela días de sentirse querida. «Había persoas que me recoñecían e outras que non. Xente que falaba da serie, e que ata me preguntaban polo bar Petróleo sen saber quen era eu. Viñan petar a boa porta! Podía darlles toda a información, claro que si», sorrí.

A serie revolucionou en certo modo a vida desta muradá, en moitos sentidos. Non era nin maior de idade cando se meteu de cheo nela: «Descentroume un pouco. Pasei a andar a cabalo entre Muros, A Coruña e Laxe. Era eu un pouco cabeza tola, toleirona, unha adolescente que vivía o seu soño». Levaba dende os 8 anos vinculado ao teatro, en grupos escolares ou afeccionados. Lembra a súa primeira obra como «todo un fracaso» porque non só recitou a súa parte do guión, senón tamén a dos compañeiros, e cando se decatou quedou en branco: «Tiveron que sacarme do escenario». Viñeron despois tres ou catro obras «nas que só bailaba» e logo chegou unha na que, por diversos motivos, houbo de substituír a unha das actrices: «Eu sabíame todas as obras de teatro, todos os textos, aínda que non quixera».

Así era María Louro encarnando a Paula en Mareas Vivas.
Así era María Louro encarnando a Paula en Mareas Vivas. CESAR QUIAN

O feito de non ter traballado logo ao nivel de Luís Tosar, Isabel Blanco, Mela Casal ou Manuel Lourenzo permitiulle seguir coa vida de xeito máis anónimo, sen que a recoñecesen. Ten volto a Laxe antes destes días, pero pasando desapercibida. «Con Mareas vivas fun privilexiada», valora cando pensa nos actores que tivo ao seu carón. «Ata cando non me tocaba gravar ía á rodaxe para ver traballar a Tosar. E quen di Tosar di outros. Foi unha experiencia da que podería estar falando anos», asegura. Vinte nada menos pasaron, e moitas cousas.

Polifacética

Unha vez rematada a serie, María retomou os seus estudos, que tiña un tanto aparcados. Ampliou formación con algunha cuestión máis e tamén chegaron as prácticas e o traballo. Hoxe ten como base de residencia A Coruña -aínda que vai a Muros ver a familia cando pode- e tense movido entre diferentes profesións: a hostalaría, ultimamente, pero no seu currículo figura dende coidado de maiores ata de bebés. «Gústame aprender de todo, porque ademais enriquéceme un montón», afirma. Aínda que non en traballos co calado da serie de Portozás, nunca deixou apartada a profesión actoral: pasou recentemente por un capítulo de Fariña, fixo aparicións nos filmes O lapis do carpinteiro ou Todo é silencio e tamén en Serramoura ou Libro de familia. Anda metida tamén na serie web Antolepsia, e mesmo ten entre mans algún proxecto con Voz Audiovisual. Non obstante, mentres non estean confirmados de todo, prefire non desvelar máis. Agarda poder seguir estando sempre ligada ao a sector e confesa que, como tamén lles ten pasado aos espectadores, ten volto ver capítulos de Mareas vivas: «Síntome moi orgullosa, e ademais dígoo coa boca chea. Non teño reparo ningún en amosarllo á xente». A serie marcou un antes e un despois no audiovisual e tamén no idioma galego, fomentando a querenza pola forma de falar propia da Costa da Morte, con seseo e con gheada: «Ata entón andabamos escondéndonos».

A poucos haberá que aquela voz de Mercedes Peón ao comezo da serie («Eu estou mellor, síntome ben, miro para a costa, para o amencer, mareas vivas de Portosás») non lle poña a pel de galiña.