Emocionante recta final de liga en Terceira Nacional

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

OPA RACING

BASILIO BELLO

O Bergantiños continúa a un punto do líder, o Racing de Ferrol

23 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Bergantiños durmiu desde o Xoves Santo como líder tras vencer ao pechacancelas, o Porriño, por 3 a 0, pero só por unhas horas. O Racing Ferrrol non fallou o domingo ante o segundo pola cola, o Boiro, senón que o goleou a pracer (5-1) con dous goles do capitán Pablo Rey que o converteron no primeiro xogador en chegar aos cen goles coa camiseta verde, o que mantén ao equipo carballés a un punto do liderado. O Compostela tamén foi contundente contra o Arenteiro (3-0), de modo que seguen sendo tres puntos, ademais da gol average, os que garda de vantaxe o conxunto rojillo respecto ao santiagués.

A pelexa polo título

A loita polo campionato está entre estes tres equipos, pois a distancia desde o terceiro clasificado ao cuarto, o Alondras, é xa de sete puntos. Desde esta semana entran na recta final de competición, pois quedan cinco xornadas para o fin da liga en Terceira División, cinco auténticas finais.

O Bergantiños é o cadro que peor calendario ten con dous enfrontamentos contra equipos da zona alta: o Alondras e o Barco, cuarto e sexto clasificados, respectivamente. O bo é que recibirá a ambos nas Eiroas. Polo demais, viaxará a Lugo para medirse coa Polvoreira, da zona media, e tamén a Vigo e a Barbanza para xogar contra o Céltiga e o Boiro, da parte baixa.

Pola súa banda, o Racing Ferrol tamén terá que enfrontarse a un óso duro. Farao esta fin de semana a domicilio contra o Choco, quinto clasificado. Logo, todos os seus rivais son da zona medio baixa (Arenteiro e Racing Vilalbés) e do fondo da táboa (Laracha e Ribadumia).

Ao que mellor calendario se lle presenta é ao Compostela. Os seus adversarios non pasarán do medio da clasificación para arriba. Diante terá ao Somozas e ao Ourense CF, da zona media; ao Racing Vilalbés, da parte medio baixa, e ao Laracha e ao Ribadumia, da franxa negra.

Cabe lembrar que tanto o Alondras, como o Choco e o Barco pelexan por meterse na fase de ascenso a Segunda B, mentres que o Arenteiro, o Céltiga, o Ribadumia e o Boiro pelexan por eludir as tres prazas de descenso que aínda faltan por asignar, pendentes tamén de que o Rápido de Bouzas non produza un novo arrastre. De modo que tanto os rivais da zona alta como da baixa son moi perigosos.

A loita pola permanencia

Neste sentido, na loita pola permanencia está inmerso o Paiosaco. Nestes momentos está fóra do descenso directo: a tres puntos do Céltiga, equipo que marca a zona vermella. Tras o último partido disputado contra o Laracha, o derbi que gañou por 2 a 1, fixo historia ao adiantar na clasificación ao seu adversario veciño. Sácalle, agora, dous puntos, tendo en conta que os rojiverdes xa son oficialmente de Preferente Autonómica tras o Fabril estar desafiuzado matematicamente de Segunda B. Ambos son filiais do Deportivo e non poden estar na mesma categoría.

O Paiosaco está empatado a puntos co Arenteiro, conxunto que o precede (38). Debe gañarlle o pulso canto antes para estar máis preto da salvación no seu ano de debut na categoría, pois nesa posición, a sexta pola cola, o seu futuro depende do posible arrastre do Rápido de Bouzas.

Aos de Juan Riveiro quedan por xogar tres partidos contra rivais directos (dous superiores, o Racing Vilalbés e o Somozas, e un inferior, o Ribadumia), ademais de dous contra equipos da zona media como son o Ourense CF e a Polvoreira.

Cuestión de dignidade

Pola súa banda, o Laracha, aínda que xa non se xoga nada, aspira a finalizar a liga o máis arriba posible, así o expresou o seu adestrador, Óscar Gilsanz, en numerosas ocasións, xa que considera iso como «unha obriga». Neste sentido, agárdalle o calendario máis complexo de todos os citados anteriormente. Recibirá no municipal ao líder e ao terceiro clasificados, o Racing Ferrol e o Compostela, ademais da o pechacancelas, o Porriño, e desprazarase ata os campos do sétimo e do oitavo clasificados, o Arousa e o UD Ourense, respectivamente.

Que gañe e permaneza o mellor.