«O emprego e a formación son o mellor camiño para a integración»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO

SANDRA ALONSO

A VIVA VOZ | Loita desde comezos da década dos 80 polos dereitos das persoas con discapacidade. El é Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Xunto co falecido Domingos Dosil impulsou, a comezos da década dos 80, un movemento que non tardaría en estenderse polo resto de Galicia. Tiña como gran obxectivo liberar da situación de encerro na que vivían aos veciños con discapacidade. Superado ese primeiro reto, Ramón Sestayo loita agora desde Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) porque a integración do colectivo na sociedade sexa total, tanto a nivel de dereitos como de oportunidades. É o vicepresidente da entidade e tamén o máximo responsable a nivel da provincia da Coruña.

-Lembra aquela primeira etapa como unha loita difícil?

-Pois si, porque empezamos tratando de elaborar un censo e fomos de porta en porta. En algunhas casas chegaron a negarnos a existencia de persoas con discapacidade. Pero pouco a pouco fomos entrando en contacto con diferentes entidades e así naceron as federacións provinciais, a da Coruña é a máis numerosa con 23 asociacións, e logo, no 1990, Cogami.

-Cales foron os grandes logros desde entón ata a actualidade?

-Creo que están vinculados aos eidos da formación e do emprego. Nestes momentos temos un servizo de intervención laboral que conta con 20.000 persoas inscritas e 23 asesores traballando. Imos ás asociacións e, sobre todo, ás zonas rurais, para coñecer os perfiles dos usuarios. O ano pasado impartíronse 60 cursos que permitiron formar a un milleiro de persoas. Tamén visitamos as empresas para coñecer a súa demanda e enfocar cara ela eses seminarios. É unha liña que estamos levando a cabo con moito éxito, xa que no 2018 logramos a inserción de más de 2.000 persoas en empresas privadas e nos nosos centros de emprego.

-A que se debe ese empeño polo emprego?

-O emprego e a formación son o mellor camiño para a integración na vida real. Se unha persoa ten independencia económica pode ir tomar algo a un bar e pode esixir unha rampla de acceso ou un baño axeitado. O emprego tamén é fundamental para mellorar a autoestima.

-E cales son as materias que aínda están pendentes?

-Temos que seguir dando a batalla no cumprimento da Lei de Accesibilidade que foi aprobada hai dous anos. Segundo esa normativa, os servizos, as contornas e os produtos terían que estar ao alcance de calquera a partir do 4 de decembro do 2017. Temos que pelexar porque isto se cumpra. No rural segue sen haber un transporte accesible e iso é o que reivindicamos, xa non só para as persoas con discapacidade, senón tamén para os maiores ou para os que levan un carro de bebé. Tamén queremos impulsar o plan de autonomía persoal.

-En que consiste dito plan?

-É un servizo que temos en marcha desde Cogami e que lle permite a 80 usuarios contar cun asistente persoal para realizar tarefas básicas da súa vida diaria. O que pretendemos é que este programa siga medrando.

-O financiamento segue a ser o gran obstáculo?

-Si, claro, pero tamén neste tema hai un antes e un despois. Cando empezaron a funcionar as asociacións en Galicia non había ningunha subvención e agora, mediante as prazas concertadas, as entidades poden contar con axudas. Loxicamente, hai moitas necesidades que non están cubertas.

-Cal é nestes momentos o gran reto?

-A miña utopía persoal é que non exista Cogami, tan simple e tan complicada ao mesmo tempo. Se todos tiveramos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades, esta confederación xa non faría falla. Hai, por exemplo, una lei que obriga ás empresas con máis de cen traballadores a ter, como mínimo, a dúas persoas con discapacidade, pero non se cumpre.

-Mentres ese soño non se fai realidade, a que dedicará os seus esforzos a confederación?

-A formación e o emprego teñen que seguir sendo os nosos puntais. Cando comezamos a traballar existían moitas barreiras mentais nas empresas, polo que puxemos en marcha as nosas propias. Hoxe temos 11 centros de economía social no que traballan máis de 800 persoas. Estamos analizando novas ideas para seguir abrindo negocios.