«O noso modo de consumo afecta as sociedades máis empobrecidas»

Joel Gómez / M.L. REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO

SANDRA ALONSO

As ONGD da provincia da Coruña lograron impulsar nun só ano medio centenar de proxectos por todo o mundo. Fala diso María Paz Gutiérrez, secretaria da Coordinadora Galega

25 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD) con base na provincia da Coruña tiveron activos no último ano preto de medio centenar de proxectos de cooperación no estranxeiro: a maioría en Latinoamérica, e o resto repartidos entre África e Asia. Nestas iniciativas movéronse máis de 4,3 millóns de euros, destinados a mellorar a calidade de vida de máis de 77.000 persoas. Son datos que proporciona a Coordinadora Galega de ONGD, que agrupa a un total de 46 entidades da comunidade.

A maioría das entidades reparten a súa sede entre A Coruña e Santiago, aínda que tamén hai organizacións sen ánimo de lucro que actúan desde puntos menos céntricos da provincia, como Egueire, que desde Cee axuda ao desenvolvemento en Costa do Marfil, grazas á colaboración dos asociados e a donativos populares, ademais das diferentes actividades que impulsan cada ano.

Alejandro Quiñoá, presidente da coordinadora, afirma que os principais sectores de traballo dos proxectos impulsados polas oenegués non distan moito das prioridades que hai agora mesmo en Galicia: educación, saúde, auga e saneamento, agricultura, pesca, saúde reprodutiva...

Traballan, sobre todo, con nenos e persoas residentes en zonas rurais deses países; aínda que tamén parte destas iniciativas han de desenvolverse desde aquí, con labores de concienciación, sensibilización e divulgación.

Unha cidadanía máis global

As asociacións e fundacións que integran a Coordinadora Galega de ONGD teñen un nivel de profesionalización alto, afirma María Paz Gutiérrez, secretaria da entidade e directora de Solidariedade Internacional de Galicia desde o 2004.

«Son organizacións que apostan por unha cooperación transformadora, que combata que visións asistenciais e paternalistas na loita contra a desigualdade; que incidan nas causas que seguen contribuíndo a xerar esta desigualdade; para superar esa distinción entre países ricos e países empobrecidos, entre Norte e Sur. Somos un sector moi feminizado, tanto aquí a base social que nos apoia, que son un 60 % mulleres, como as nosas voluntarias ou traballadoras. E tamén as mulleres son as destinatarias principais dos proxectos de cooperación internacional», afirma.

Por iso, agrega María, «todas as organizacións somos conscientes de que, se non combatemos a desigualdade de xénero, falar de desenvolvemento non é posible. Non se poden pór en marcha procesos de desenvolvemento se non se ten en conta a situación de especial vulnerabilidade e desigualdade da muller; por iso todas as ONGD facemos especiais esforzos neste tema. Se as mulleres non participan en condicións de igualdade nos procesos de desenvolvemento, o único que imos contribuír é a perpetuar o modelo de desigualdade entre homes e mulleres».

Traballo desde aquí

Ademais do traballo en diversos países, resalta o que realizan aquí, onde «contribuímos a promover o que chamamos unha cidadanía global e máis consciente. Non podemos prestar apoio ao desenvolvemento en países empobrecidos se desde o Norte, desde aquí, seguimos mantendo actitudes que lles son desfavorables. Entendemos o problema da desigualdade como un traballo fundamentalmente político, que está condicionando a vida de millóns de persoas, porque as políticas que desenvolvemos non teñen en conta a desigualdade que xeran, ou porque non poñen no centro da decisión ás persoas e ao medio, senón que o que priman son os intereses económicos», sostén.