A Deputación investirá máis dun millón de euros nunha senda peonil en Corcubión

La Voz

CARBALLO

O trazado, aprobado hoxe na comisión de Vías e Obras, uniría Quenxe co faro C

21 mares 2019 . Actualizado ás 20:43 h.

A comisión de Vías e Obras da Deputación dá a Coruña acaba de aprobar por unanimidade o proxecto de ampliación, mellora de trazado e construción dunha senda peonil na DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda.

O proxecto, que será referendado definitivamente no pleno do 29 de marzo, suporá un investimento de 1,1 millóns de euros, dos que 1.077.304,32 euros corresponden ás obras, e 66.335 ás expropiacións necesarias para a execución das mesmas.

Os traballos comprenderán a ampliación da vía ata os 7 metros de ancho (dous carrís de 3,5 metros), con beiravía de medio metro e unha senda peonil de 2 metros pola marxe esquerda da calzada, que discorrerá desde o punto quilométrico 0+780 (Quenxe) ao 2+554 bordeando a ría e prolongarase despois polo ramal que conduce ata o faro C, pasando polo campo de fútbol. O ramal disporá dunha plataforma de 6 metros e unha senda de 2 metros de ancho.

Ademais da ampliación da estrada e a creación da senda, as obras inclúen tamén a mellora do trazado en puntos como unha curva á altura da praia de Cobiña, e suporán «unha importante mellora da seguridade peonil nunha zona moi transitada polos veciños», segundo apuntou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

A Senda dous Faros conectaría toda a península

Este proxecto podería completarse nun futuro coa Senda dous Faros, un dos proxectos incluídos no Plan Director de Mobilidade do Goberno provincial, actualmente pendente da adxudicación de fondos da Unión Europea para a construción de sendas que conectarían 11 faros da provincia, entre eles o de Corcubión. Este proxecto suporía a futura creación dun itinerario peonil que bordearía toda a península do municipio.