As fundacións Juana de Vega e Eduardo Pondal, unidas no desenvolvemento do carballo autóctono galego

A. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

X. Ameixeiras

Cincuenta deles crecerán ás beiras do Anllóns, en Ponteceso

22 feb 2019 . Actualizado ás 21:03 h.

A iniciativa e o financiamento partiron da Fundación Juana de Vega , pero desenvolveuna o Centro de Investigación Forestal (CIF) e colaborou a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Consistiu nunha investigación para a mellora xenética do carballo autóctono galego. Comezou no 2015. O CIF recolleu 24.000 landras para a súa germinación e cultivo en viveiros da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia.

Ao final foron seleccionados 3.615 exemplares. Cincuenta deles crecerán ás beiras do Anllóns, en Ponteceso. Representantes da Fundación Pondal acudiron a recollelos á sede da Fundación Juana de Vega , onde houbo un acto de entrega con intervencións do presidente da entidade promotora, Enrique Sáez Ponche; o director xeral de Agacal, Manuel Rodríguez Vázquez, e o director do CIF, en Lourizán, Enrique Martínez Chamarro, quen explicou a evolución do proxecto desde a recollida das landras ata o resultado final. O obxectivo de todo iso é sentar as bases para a produción de planta certificada e promocionar o cultivo e a utilización do carballo autóctono, que está a ser substituído por variedades foráneas.

Enrique Sáez apuntou que a proposta de Juana de Vega xurdira antes das últimas grandes ondas de incendios, que hai que apostar pola diversidade de especies e que a industria necesita madeiras nobres.

Rodríguez Vázquez sinalou que esta proposta é unha das respostas á pregunta de que hai que facer no rural e destacou que a Fundación Juana de Vega traballa intensamente na recuperación do patrimonio autóctono, desde as oliveiras ata a mazá de sidra, os castiñeiros ou a uva de Betanzos. Son alternativas para ocupar leiras abandonadas. Varias entidades galegas acudiron a recoller exemplares.