O Calvo Xiria recibe ao Seis do Nadal e o Camariñas rende visita ao líder, o Lavadores

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

BALONMÁN | Complicada xornada para os dous representantes da Costa da Morte na Primeira Estatal

23 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Complicada xornada para os dous representantes da Costa da Morte na Primeira Estatal de balonmán. O Camariñas viaxará a terras olívicas para enfrontarse ao todopoderoso Lavadores, un elenco que aínda non perdeu un só encontro nas 20 xornadas disputadas e que presenta un balance de 19 triunfos e un só empate. No outro lado da balanza está o Camariñas, cuarto pola cola, suma 7 puntos (tres triunfos, un empate e 15 derrotas, aínda que ten un partido pendente de disputar). Os costeiros coquetean co descenso e, salvo imprevistos, xogaranlla co Luceros (7 puntos) e o Rasoeiro (7), tendo en conta que o Octavio xa parece estar condenado (4 puntos na marcadora).

O outro representante da comarca, o Calvo Xiria, recibe hoxe (20.00 horas, Vila de Noia) ao sempre complicado Seis do Nadal. Os vigueses chegan a Carballo tras sumar dúas derrotas nos últimos dous encontros de liga disputados, pero non serán unha perita en doce: ocupan a oitava praza, con 20 puntos. Pola súa banda, os de Fernando Vázquez seguen instalados na segunda praza e o obxectivo é manter a distancia cos perseguidores.