Tempo de eleccións

CARBALLO

20 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Hai que aproveitar que agora veñen eleccións». Oio esta cantilena desde hai máis de 30 anos e debe seguir tan vixente como antes porque o escoitas en todas partes. Vale o mesmo para reclamar un asfaltado que para conseguir un servizo e a maioría dos veciños están convencidos de que os seus cuitas e necesidades serán atendidas con maior necesidade de aquí a maio, ou a abril, en función de se a cuestión é municipal ou estatal. Certo ou non, no imaxinario popular enraizou a idea de que as solucións se presentan por encantamento cando se achegan os comicios.

Algo debe haber. É empezar o tempo de desconto para o momento das papeletas e multiplicarse a presenza de autoridades en visitas lóstrego ou o envío de notas informativas da oposición denunciando cuestións que xa estaban aí meses ou mesmo anos antes, pero que ninguén parece ter percibido ata agora.

O peor é que en ocasións se resolven demandas antigas con inesperada celeridade, o que non fai máis que aumentar esa conciencia de que o tempo previo ás eleccións está feito para ser aproveitado polos cidadáns.

As subvencións, axudas e investimentos que hai un ano pasaban inadvertidas agora adquiren unha importancia capital, aínda que a procedencia do diñeiro nada ou pouco teña que ver co partido que goberna.

É certo que agora xa non hai inauguracións que fagan ruborizar, nin publicacións carísimas lembrando os logros do goberno local de quenda encomiándose a si mesmo co diñeiro de todos por ter asfaltado unha pista ou colocado un farol.

Agora é todo máis delicado, menos evidente. É unha campaña para amar Carballo ou visitas guiadas a directores xerais ou deputados pedindo por polígonos industriais. Quizais os políticos locais tamén crean que é o momento de «aproveitar» e intentar sacar tallada coa promesa de colleitar votos para unha e outra cita electoral.

Non se que influencia poden ter esas notas ou noticias nos votantes. Non se se se sentirán impelidos a apoiar ao PP ao saber que está aberto o prazo para solicitar as axudas da PAC, ao BNG por unha campaña de namoramento co pobo que a un o viu nacer ou o adoptou, ou ao PSOE porque finalmente recibirá 100.000 euros para axudar a que o centro histórico deixe de ser unha ruína.

Tampouco son capaz de valorar o seu entorpecer o desenvolvemento dun plan xeral pode facer caer un goberno contrario, se os enfrontamentos entre socios á forza pasará factura a un ou a todos, se cargar contra o goberno autonómico pode reparar a fachada marítima ou se non recibir a un alcalde farao máis débil.

Pero si sei que todo seguirá igual.