Menos mal

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O Mar

CARBALLO

15 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando ás veces nos preguntamos de que serve tanta burocracia e tanta Administración, eu teño unha resposta rápida: para evitar que a sociedade colapse por culpa dos políticos. Aí teñen aos Estados Unidos, que malia viviren no desgoberno arroutado de Donald Trump, continúan porque a máquina estatal xa ten 200 anos de experiencia e garantías ante os túzaros. Aquí tamén acontece o mesmo. Non nos gusta recoñecelo, pero a crise económica --co dura que foi- non tivo máis impacto social grazas a que temos un bo músculo administrativo.

Unha Administración forte ten cousas boas e malas: os liberais dirán, con razón, que moitas veces desincentiva a iniciativa privada. A esquerda afirmará que garante coberturas. As dúas posicións teñen parte de razón, pero eu prefiro quedarme coa idea de que unha boa e regulada Administración reduce en gran medida o perigo de que por culpa de alumeados, ineptos ou, directamente, inútiles, os países entren en caos. Tamén é un freo cando queres facer cambios políticos rápidos, claro. Non se pode ter todo.

O Estado español vive un problema serio de gobernabilidade desde hai xa uns cantos anos. Cada partido ten a súa axenda e non se miran os intereses xerais.

Nas vésperas dunhas novas eleccións, a garantía ante o período infernal de desencontros que nos agarda é, por agora, que a Administración e os funcionarios non políticos seguirán facendo o seu traballo e deixando que o país continúe a súa marcha, freando os excesos que cometan os que poden chegar. Aínda menos mal.