«Laxe é, sin duda, o meu lugar no mundo. O meu plan é facerme viejito alí»

Verónica Couto / Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A escena do Naufraxio centra o curto «Valentina», de Pablo Uriarte, que foi recoñecido internacionalmente

12 feb 2019 . Actualizado ás 21:23 h.

Apenas cinco minutos abondaron a Pablo Uriarte Bravo para retratar a esencia mariñeira de Laxe, unha localidade coa que garda estreitos lazos familiares e emocionais. Con Valentina, este editor, director e surfeiro logrou coarse nalgúns dos festivais audiovisuais de maior calado. O seu último logro: dar o salto internacional, tras ser seleccionado o traballo entre máis de 400 curtos para o festival inglés Lift-Off Global Network, tendo tamén o seu momento de gloria no Festival Curto Corrente-Città dei Fiumicino.

Uriarte, nacido en Madrid, é socio de 7H cooperativa cultural, unha entidade santiaguesa coa que, xunto con outras dúas compañeiras, levan a cabo diferentes accións de promoción da cultura galega. Ten un proxecto propio (Morelo Postfilms), que iniciou en 2015 en relación, precisamente, ao mar da Costa da Morte. De todo isto falou en Radio Voz Bergantiños.

-Cal é a súa relación con Laxe?

-Toda a miña familia por parte de nai é de Laxe, e de feito vivín alí durante un ano tamén. Son máis galego que outra cousa.

-Como xorde a idea de filmar esta curtametraxe?

-Todo comezou cando a miña prima deu a luz á súa filla Valentina e pediume que fose o seu padriño. Sempre quixen gravar algo en Laxe, algo relacionado coa vida mariñeira. Así que, como agasallo a Valentina, e para que cando creza ela poida verse cando tiña un aniño, empezamos a preparar un guion xunto á súa nai, Rocío. Fomos valorando que podiamos gravar e pensamos en mesturar a historia co Naufraxio, inspirándonos tamén na estatua que hai xunto ao faro, que se chama A Espera. Pensamos en que Valentina e Rocío fosen todos os días ata o faro, a contemplar o horizonte buscando ese barco que non volve. E, mentres tanto, narrar esa historia do Naufraxio, da Virxe salvando aos mariñeiros. Eses son os dous puntos de vista que utilizamos.

-Un bonito agasallo para a súa afillada, pero tamén unha sentida homenaxe a unha localidade que bebe e vive do seu mar.

-Exacto. Desde pequeno vin como esas xentes se levantan ás 3 da mañá e vanse para o mar, para unhas augas que, como todos sabemos, non son moi tranquilas. Eu creo que tamén é unha forma de homenaxealos a eles, e tamén á propia celebración, á que se suma moita xente de fóra do pobo. O día que fun eu a gravar as imaxes, por exemplo, había un señor vasco que me contou que no seu pobo se facía unha festa moi parecida, e que se trasladou a Laxe para ver de que ía esta.

-Cando se presentou por primeira vez «Valentina»?

-Pois nos Premios Fouciño, de Baio. A partir de aí, e como tiña algo de diñeiro aforrado, investino en distribución con Novos Realizadores. Desde entón han ir seleccionando o curto para estar en diferentes festivais a nivel autonómico, e tamén estivemos en Italia e, hai pouco, en Inglaterra. A ver se conseguimos que se vaia vendo polo país e que a xente coñeza un pouquiño máis a historia de Laxe e dos seus mariñeiros.

-Contento coa acollida?

-Moito, a verdade, aínda que o noso propósito é seguir levándoo a cantos máis sitios, mellor. Ademais, é un curto que non ten diálogos: a nai e a nena enténdense perfectamente sen necesidade de ningún tipo de palabrería. Grazas a iso a peza pode verse en calquera parte do mundo, porque se entende perfectamente.

-Tamén é de destacar que parte da música é local.

-É que eu a Laxe vou sempre coa cámara e o micrófono, gravando cousas. Nas festas, en momentos destacados ou en algo que me parece destacado capturar... Un día coincidiume, fai xa como cinco anos, un concurso de gaitas na praza Ramón Xoga, así que decidín gravalo todo co micrófono e, facendo o curto, ocorréuseme que sería boa idea introducir como punto final ese son tan galego, e neste caso da banda de gaitas.

-Volverá pronto por Laxe?

-É que Laxe é o meu lugar, e a miña idea é facerme viejito alí [ri]. Agora mesmo estou en Malta traballando, pero en canto poida volvo para Galicia, sen dúbida.