
A asociación, con sede en Carballo, atendeu no 2018 un total de 177 demandas de información
27 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.Demandas de información acerca de ludopatías e consumo de sustancias, así como pautas psicoeducativas de orientación ás familias foron os motivos da maior parte das consultas feitas á asociación Vieiro no exercicio 2018. A entidade fixo balance, e de presentar os resultados encargáronse Xosé María Arán, vicepresidente, e María del Pilar Mata, secretaria. Expuxeron, deste xeito, os datos correspondentes ao Servizo de Información e Asesoramento, un programa a través do que ofrecen axuda sobre calquera aspecto relacionado cos problemas derivados de condutas adictivas e o seu tratamento.
Idades e sexo
En Vieiro, segundo as cifras facilitadas, foron atendidas este pasado ano un total de 177 demandas (142 presenciais, na sede da entidade, e 35 vía telefónica). Quen máis se achegaron ata as instalacións da asociación foron homes adultos (100), fronte a 20 mulleres e 22 mozos (destes, 19 homes e 3 mulleres). Por vía telefónica os parámetros son bastante similares en canto a sexo: 16 homes adultos, 18 mulleres e un home novo.
Con idades comprendidas entre os 15 e os 60 anos, a maior parte das consultas fixéronse desde a área xeográfica que abarca desde A Coruña ata Fisterra, sendo a cocaína a sustancia máis consumida por parte daquelas persoas que requiriron dun tratamento. Ascende ao 30 % dos casos derivados, seguida polo cannabis e o alcol, cun 25 %, respectivamente. En terceiro lugar atópanse os casos de ludopatía (10 %), seguida esta por a heroína e o tabaco (un 5 %).
Segundo as cifras facilitadas por Vieiro, a maior parte das persoas derivadas (11 ao Proxecto Home, 7 á UCA de Carballo e 2 ao Centro Reto) tiñan unha idade comprendida entre 19 e 29 anos de idade.