O Laracha referenda a súa boa marcha cun empate no Barco

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Terceira | Un dubidoso penalti privou aos de Gilsanz do triunfo

20 ene 2019 . Actualizado ás 22:11 h.

O Laracha segue na boa onda. Este domingo referendou o seu bo facer na liga cun meritorio empate en Calabagueiros fronte a un dos fanfurriñeiros, o O Barco. Os de Óscar Gilsanz rabuñaron un importante punto (2-2), que puideron ser tres senón fóra polo dubidoso penalti sinalado polo colexiado, Gustavo Vidal, a favor do cadro local.

O partido arrincou igualado. Os locais levaron algo máis a iniciativa fronte a un rival que se replegaba ben e que xogaba con criterio aproveitando a velocidade polas bandas e polo centro de Iago Novo, Adri Castro e Iago Banco.

Adiantáronse os locais á media hora de encontro. Foi a balón parado. Saque de esquina a favor do O Barco e Omar rematou á rede sen que Richi puidese facer nada por salvar o gol.

O Laracha non se descompuxo e seguiu coa súa idea de xogo. Con 1-0 chegouse ao descanso.

Gilsanz aproveitou o intermedio para dar un par de consignas aos seus. Unha das máis importantes foi aproveitar o xogo ás costas da defensa rival. Os seus xogadores interpretárono que dá xenio. Na segunda parte foron netamente superiores. Asinou as táboas Angeriz, de cabeza, tras un saque de esquina. O defensa larachés, que substituíra a Kanouté, rematou de cabeza no segundo pau.

Os bergantiñáns xogaron os seus mellores minutos. Iago Blanco anotou (min. 52) o 1-2. Aproveitou un magnífico servizo de Iago Novo, un dos mellores este domingo, para adiantar aos seus. As contras visitantes foron letais. Adri Castro, Iago Novo e Iago Blanco tiveron o 1-3, pero empataron os locais, de penalti, anotado por David Álvarez. Manu Mosquera tivo a última para o Laracha, pero o man a man desbaratoullo en última instancia o porteiro local, Azpillaga.

En detalle

BARCO (2): ?Azpillaga, Cruz, Antonio, Santi Núñez (Rubén, min 73), Omar, Pablo Rubio , Adrián García, Diego (Andoni, min 61), Bazo (Jorge Martín, min 61), David e Iker Revolta.

LARACHA (2): Richi, Iván, David, Iago Parga, Antonio, Kanouté (Angeriz, min 17), Sandá (Mosquera, min 86), David García, Adri Castro, Iago Novo e Iago Blanco (Boedo min 75).

Goles: 1-0, min 31: Omar. 1-1, min 49: Angeriz. 1-2, min 52: Iago Blanco . 2-2, min 62: David Álvarez.