«A xente ten que saber que Evencio non vai estar aí catro anos»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

ENTREVISTA | DIEGO CALVO | Ou Partido Popular comezará esta semana reunións comarcais para preparar as eleccións de maio

20 ene 2019 . Actualizado ás 20:35 h.

O presidente provincial do PP, Diego Calvo (San Sadurniño, 1975), analiza a situación do partido na Costa da Morte de cara ás vindeiras eleccións. Esta semana empezarán as reunións polas comarcas.

-Para que son estes encontros?

-Xa están presentados todos os candidatos, e o que facemos é un último repaso con reunións comarcais con eles, con cousas previstas, temas de organización, se hai algún problema poñerlle solución, ver que se necesita... De aquí a maio o que imos facer é estar a disposición dos candidatos, o que nos pidan e demanden intentaremos darlle cobertura.

-Na Costa da Morte teñen varias alcaldías en Bergantiños, e ningunha en Soneira e Fisterra. Aplicaranse máis nestas?

-Onde xa temos as alcaldías xa saben como traballar. No resto das zonas, nalgunhas renovamos candidaturas, noutras os equipos, e intentaremos conquerir alcaldías. Teño a esperanza de que na Costa da Morte a partir de maio teñamos varios alcaldes ou alcaldesas en varios concellos.

-Entre eses novos que aspiran a obter, vense con máis opcións nuns sitios ca noutros? Carballo é unha praza dura, por exemplo.

-Carballo é unha praza dura nas municipais, porque nas xerais e autonómicas, o PP gaña as eleccións. E nesta ocasión, o feito que xa coñece todo o mundo de que Evencio se presente exclusivamente porque llo pide o partido e despois vai deixar a alcaldía. Estamos convencidos de que cun equipo renovado, con Aurelio á cabeza, e con grandes fichaxes que nas próxima semanas iremos anunciando -porque hai moita xente que se dá conta deste momento histórico, é unha boa oportunidade para recuperar a alcaldía de Carballo. Alégrome moito deses contactos que está tendo, que se irán dando a coñecer. Imos ter probablemente o mellor equipo do PP de Carballo de todo momento. E esperamos a alcaldía.

-O de que Evencio Ferrero vai deixar a alcaldía se a consegue xa o dixeran tamén na presentación de Aurelio Núñez. Tan convencidos están?

-Chegounos por terra, mar e aire, que se por el fora non se presentaría. Pero o que nos teñen dito é que a xente do BNG lle pediu que se presentase porque, se non, perderían unha alcaldía que é a máis importante que teñen en Galicia. Pedíronlle ese favor, e el despois de tantos anos non pode dicir que non. Enténdoo, pero tamén entendo que é algo que a xente ten que saber á hora de ir a votar que Evencio non vai estar aí catro anos, e vaise ir de alí a uns meses.

-En Cee e Dumbría recuperaron a dous clásicos, Antonio Domínguez e Antonio Santamaría. Non apostaron por novos.

-No caso de Dumbría, agradézolle a Santamaría que dera ese paso. Dumbría para nós sempre foi complicado, co mesmo alcalde dende hai moitos anos. E sempre foi complicado buscar candidatos e ter un equipo. Dende o primeiro momento dixo que estaba disposto a recuperar o traballo feito. E é certo que con el tivéramos ata tres concelleiros, así que é importante recuperar as formas de traballar de antes, e a xente que nun momento dado se implicou co PP, reunilos. Antonio coñéceos, coñece á xente, o sitio, sabe como funciona todo, e confiamos en que poida recuperar a presenza do PP en Dumbría. E no caso de Cee, o outro Antonio, unha vez recuperado dun tema persoal, coñece mellor ca ninguén o pobo e o partido. Pode recuperar a moita xente que quedou polo camiño, e coas portas abertas a que todo o mundo se integre. Sei que a algunha persoa non lle gustou, pero os resultados en maio van dar conta de por que fixemos ese cambio.

-E Cerceda? Cree que a sentenza do rexedor pode influír, e o anuncio do peche de Meirama?

-Espero que teñan a súa importancia. Por un lado, seguramente a non concorrencia do alcalde, por estar condenado. Non creo que poida facelo. Leva moitos anos e tiña un apoio tamén no persoal que era importante. E en canto á central, eu mesmo presentei en setembro unha iniciativa no Parlamento sobre este tema. E o máis sorprendente é que todo o mundo o sabía, pero a ninguén lle importaba. O PSOE tiña claro que había que pechar. O presidente da Deputación e secretario do PSOE foi a Madrid a defender o seu, As Pontes, pero non falou de Cerceda, o cal foi un desprestixio para o PSOE e un desprezo a Cerceda. Preocúpame moito que Naturgy non tomara a decisión de investir, e tamén que o Goberno non fixo o posible, máis ben o contrario, para que esa decisión se levase a cabo. Cando se anuncian recortes de prazos, fin das térmicas antes do falado, é responsabilidade do PSOE. O noso papel tamén é contarllo aos veciños.

«Os alcaldes, sexan da cor que sexan, teñen que cumprir a lei»

A actualidade xudicial marca a vida política dalgúns concellos.

-Tanto en Cerceda como en Camariñas, as sentenzas chegan tras sendas denuncias do PP. Hai unha actitude denunciante nalgúns concellos?

-Non, non a hai en ningún caso. Nós tamén temos algún exalcalde pendente de xuízo por denuncias doutros partidos, tamén do PSOE. Os alcaldes, sexan da cor que sexan, teñen que cumprir coa lei. E facer o mellor posible o seu traballo. Con independencia do partido, todos intentan facelo ben. Dito iso, cando algún alcalde non a cumpra, ou de maneira tan flagrante como nalgúns casos, a responsabilidade dos concelleiros que están na oposición é acudir ao xulgado, que é onde se ten que dirimir determinadas cuestións. Fixeron o que tiñan que facer, e a Xustiza deulles a razón, porque as denuncias terminaron con sentenzas en ambos sentidos: facían o que nós xa denunciabamos, pero non nos facían caso. Non ten que ver coas cores políticas. Hai que facer o mellor posible.

-Que lles parece ter que pelexar politicamente contra Antonio Pensado? O líder do PP de tantos anos, e agora independente.

-Para min, unha mágoa que decidise crear un partido independente e presentarse. O candidato do PP en Coristanco é Juan García. Non hai dúbida. Se cadra outros intentarán dicir que son dous partidos iguais, pero non é así. Cremos que nós, tras moitos anos, tiñamos que facer un cambio, unha aposta por unha persoa vinculada ao territorio, moi coñecido, e a nosas apostas e siglas están con Juan.

-Temen que, independentes á marxe, os novos partidos lles poidan comer terreo?

-Non. Nesta comarca non hai especial proliferación destes partidos. E non sei se finalmente haberá. Tamén é fácil que haxa, cando ocorre é por algún enfado de alguén que esperaba ser elixida dentro do PP, ou se cadra do PSOE, e como non ten oportunidade, busca noutros sitios. Iso tamén amosa o seu compromiso e o tipo de persoa do que falamos. Xa ten pasado, esta vez non sei, non me preocupa en exceso. Nós presentámonos nun bo momento, tanto de España como de Galicia.