«A mediación non acaba de despegar porque non se investiu nin un euro»

CARBALLO

ANGEL MANSO

Mañá celébrase o Día Europeo da Mediación, unha ferramenta aínda infrautilizada«Se se utilizase máis a mediación, habería menos litixios, pero un avogado vai ter que seguir tendo o seu protagonismo». Fala Mercedes Sierra

20 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Claroscuros ante o Día europeo da Mediación. Hai avances lexislativos esperanzadores, pero segue sendo unha gran descoñecida. Analizamos as causas con Mercedes Sierra (Barcelona, 1970), presidenta do Círculo de Mediadores de Galicia (CIMEGA).

-Por que a mediación non acaba de despegar?

-Porque ata agora a Administración non investiu un só euro na súa implantación.

-Como abrila á sociedade?

-Pois mire, Galicia recibiu o encargo de organizar o Congreso nacional de mediación, que será en outubro na Coruña; e farémolo en colaboración coa Asociación de Ferrolterra de Mediación (AFEMEDIA), coa que mantemos unha relación moi estreita.

-Aínda segue facendo falta explicalo. Que é un mediador?

-Un profesional que traballa para a cultura da paz. O mediador crea, con distintas técnicas, un espazo de comunicación para que as persoas falen.

-Restaura o diálogo?

-E, ademais, fai un reparo do dano emocional.

-Pero non é só falar.

-Non. Trátase de ir facendo un encaixe de palillos ata que lle dás a volta á linguaxe. A clave é desentrañar os verdadeiros intereses de cada parte.

-Que máis hai detrás?

-Isto require dunha serie de técnicas, habilidades e estratexias que non son instintivas.

-Por iso os mediadores pásanse a vida facendo cursos?

-Si. [Risos] O bo mediador non se conforma nunca coa formación mínima.

-Pero cada curso custará o seu dinerito. Sáelles a conta?

-A maioría simultaneamos a mediación con outros traballos. ¡Hai que dignificar a profesión!

-Vostede é avogada. Que casos deriva a mediación e cales non?

-Intento derivar a mediación todo o que podo, aínda que gañe menos. A longo prazo, os meus clientes agradécenmo.

-Entre os avogados reticentes escóitase iso de que eles levan mediando toda a vida.

-Non é o mesmo.

-Por que o din, entón?

-Porque pensan que isto lles vai quitar o seu pan.

-E non é así?

-Non é certo. Se se utilizase máis a mediación, habería menos litixios, pero un avogado vai ter que seguir tendo o seu protagonismo; por exemplo, para darlle forma xurídica ao acordo acadado. De momento, desde os xulgados, están a derivarse poucos casos a mediación.

-Dígame casos «mediables».

-Os máis típicos son cuestións cotiás. Imaxínese que ten unha veciña que, sistematicamente, rega as plantas e móllalle a roupa colgada. Ou eses edificios sen ascensor nos que non se acada a maioría para pólo. Se cada veciño se senta a explicar as súas razóns, resolverase seguro.

-É unha cuestión de empatía?

-Non só. É moi importante que a mediación non se confunda co buenrollismo.

-A polémica do botellón. Pódese resolver con mediación?

-¡Por suposto!

-Nun preito sempre hai un perdedor. Quen gaña aquí?

-Coa mediación, todos gañan. Póñolle un exemplo. Dous pelexan por unha laranxa. O conflito resólvese porque, a final, un quería facerse un zume e, o outro, a ralladura da laranxa para un pastel.

-A película que todo mediador debería ver é...

-«7 anos», de Rober Gual. Está en Netflix.

-E cal tería acabado mellor cun mediador?

-«Kramer contra kramer», pero é perfecta para explicar como levariamos ese conflito.

-A quen lle fai falta un curso acelerado de mediación?

-Aos políticos, para que teñan vocación por implantala. Moitos problemas do seu día a día poderíanse resolver se houbese un servizo local de mediación. Os alcaldes veríanse menos sobrecargados e liberaríanse os xulgados. O problema é que hai que estar a lembrar sempre que a mediación existe.

En tres meses e non en tres anos

Será porque aquí somos máis de desconfiar que de mediar, os galegos seguimos acudindo ao xulgado para resolver os nosos conflitos. Aínda así, a presidenta do Círculo de Mediadores de Galicia, Mercedes Sierra é optimista: «2019 vai ser o noso ano».

-O Goberno central acaba de aprobar o anteproxecto de lei de fomento da mediación.

-Creo que este ano a mediación vai dar un salto cualitativo. Para empezar, este anteproxecto de lei introduce a obrigatoriedade. En concreto, é unha obrigatoriedade mitigada. Significa que, en determinados procesos, terase que ir a unha mediación previa.

-Pero un principio da mediación é que é voluntaria.

-Si, pero isto trátase de que, nunha sesión informativa, vanche explicar que é e se no teu conflito poder mediar. Ademais, será gratuíto para os que non teñen capacidade económica.

-Será o impulso crave?

-Contribuirá a desatascar o colapso xudicial e que as persoas resolvan os seus conflitos de forma pacífica, rápida e eficaz. Unha mediación pode resolver un conflito en 3 meses e non en 3 anos, como a xustiza ordinaria.