«O paciente é de todos e entre todos hai que asegurarlle a mellor atención»

R. DOMÍNGUEZ A Coruña / LA VOZ

CARBALLO

EDUARDO PEREZ

A coordinadora do documento europeo sobre a asistencia á insuficiencia cardíaca avanzada, Marisa Crespo, aposta polo traballo coordinado e en rede de todos os centros

16 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras dous anos de traballo, no Congreso Europeo de Cardioloxía celebrado en Múnic debateuse acerca de cara a onde ha de ir a atención á insuficiencia cardíaca avanzada (ICA) a raíz do estudo coordinado pola cardióloga do Chuac Marisa Crespo (Santrós-Cea-Ourense, 1961). «É un documento de consenso publicado no European Journal of Heart Failure, participaron 24 cardiólogos de toda Europa, un de EE. UU. e de España tamén está Eduardo Barge Caballero, compañeiro do hospital», explica.

-Por que é tan relevante a insuficiencia cardíaca (IC)?

-É unha patoloxía que afecta ao 1 % da poboación xeral, aínda que aumenta moito coa idade. O 5 % de todos eles acaban sufrindo IC avanzada cando, a pesar dos tratamentos, os fármacos, os marcapasos, desfibriladores e resincronizadores, seguen con síntomas severos e mal prognóstico. Algúns necesitarán un transplante, outros un dispositivo de asistencia ventricular ou corazón artificial e outros coidados paliativos.

-Redefiniron cales son eses criterios para recoñecelo?

-Basicamente son que teña síntomas severos e permanentes, é dicir fatiga en repouso, que teña unha disfunción cardíaca severa, que teña tido episodios de conxestión pulmonar ou sistémica con hospitalizacións frecuentes ou necesidade de acudir de forma urxente por arritmias graves, e que haxa unha alteración importante da capacidade de exercicio.

-Por que esta actualización?

-Porque é moi importante identificar ben ao paciente que a sofre para non envialo demasiado tarde ao centro de referencia onde lle poderán ofrecer as terapias avanzadas ou complexas que necesita.

-Porque pola contra...

-Se se remite demasiado tarde, con dano pulmonar, hepático ou renal moi avanzado, xa non pode beneficiarse do transplante ou o corazón artificial. É importante saber quen se pode beneficiar porque o seu prognóstico varía e pódese alongar a súa supervivencia.

-Por iso elaboraron o documento de consenso?

-O documento é para axudar a todos os que están implicados na asistencia a estes pacientes. O paciente é de todos, e entre todos hai que asegurarlle a mellor atención. Trátase de dar a coñecer que opcións hai, que se lle pode e debe ofrecer e cando, en que momento.

-Está establecido como facelo a nivel organizativo?

-Propomos un modelo de organización porque hai que asegurar que o paciente, independentemente da súa localización poida beneficiarse de todos os tratamentos. En España temos algo importante: a Sociedade Española de Cardioloxía definiu os estándares de calidade das unidades de IC segundo a complexidade de cada centro, o que debe ter e ofrecer cada unha delas. Establecéronse tres tipos de unidades diferentes, a comunitaria, a especializada e a avanzada. Aproveitando que en España xa tiñamos este proceso de clasificación, deseñamos un modelo de asistencia baseado nun concepto que funciona en aviación, hub and spoke, unha roda central con moitos radios. Hai que traballar en rede.

-Poña un exemplo, por favor.

-Un paciente de Ourense pódenlle facer alí o diagnóstico e tratamento farmacolóxico. Se necesitase unha cirurxía cardíaca, tería que ir a Vigo. Se necesita un transplante, haberá que remitilo ao Chuac. Pero non todos os pacientes de Ourense teñen que vir aquí, só os que necesiten terapias complexas. En cada hospital debería haber unha unidade de IC, pero non todos teñen que ter terapias avanzadas. Por iso definiuse con que debe contar cada unha, a comunitaria, a especializada e a avanzada, tanto en medios técnicos como en persoal, as súas competencias... E invitouse ás unidades a que se acrediten. Outro exemplo: un paciente trasplantado hai anos que rompe a cadeira non ten que vir aquí, pero tes que estar comunicado co seu hospital para que non lle falten os inmunosupresores. Para iso é clave traballar en rede, incluíndo a Atención Primaria.

«Un enfermo que vive en Burela ten as mesmas oportunidades que uno da Coruña»

Marisa Crespo dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca Avanzada do Chuac, que forma parte da rede Ciber-CV. O seu departamento está acreditado como unidade especializada para a área coruñesa e de referencia para Galicia en terapias complexas, xa que o coruñés é o único hospital que realiza transplante cardíaco (796 desde 1991) e implanta corazóns artificiais (9 desde o 2014). Cre que o modelo de atención cardiológica en rede «na nosa comunidade, que está ben dotada, funciona moi ben; un enfermo que vive en Burela ten as mesmas oportunidades que uno da Coruña porque temos unha excelente comunicación entre todos os hospitais».

-E no resto de España?

-É moi heteroxéneo. Co documento establécese a fórmula para que cada paciente, independentemente de onde estea, saiba que vai ter o tratamento que necesita, quen llo vai a dar e onde. E o manexo do enfermo non é só o diagnóstico e un correcto control, senón asegurarche de que é capaz de seguir o tratamento. Cada nivel de atención é protagonista porque fan falta todos: o comunitario, o especializado e o avanzado. Se cadra a denominación avanzada non é a máis afortunada, non significa que ti saibas máis que outros, senón que o paciente está máis enfermo. Non se trata de ir de listos, trátase de que todos colaboremos porque o paciente é de todos e entre todos temos que organizarnos para ver como se lle pode prestar a mellor atención. Que funcionen ben todos os niveis asegura que estea ben atendido e que non nos chegue tarde, con danos avanzados. Aquí non pasa, pero noutros sitios si. Este documento é un proxecto de organización para Europa, cada país debería definir estándares e estruturas organizativas.

Alta prevalencia. A IC é a primeira causa de hospitalización en maiores de 65 anos e condiciona o 2? % do gasto sanitario. Só na provincia da Coruña, o equipo do hospital de Santiago diagnostica 350 casos ao ano, o de Ferrol outros 400 e o Chuac trata a 1.100 pacientes, 170 novos ao ano.