«Non son ningún veterano na categoría, pero coñézoa perfectamente»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Javi Álvarez, adestrador do Laracha

18 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesar de chegar coa tempada xa moi avanzada, o técnico sadense móstrase moi seguro do equipo que ten para enfrontarse ao que se lles poña diante.

-O Compostela non é un equipo que lle impón?

-Non, porque vin os resultados do Laracha no que vai de ano e, quitando un ou dous, competiron en todos os campos. Entón, creo que cada partido é un mundo e que este sábado temos que intentar explotar o noso campo.

-O Laracha está a un só punto do descenso. Regresará a Preferente?

-Se pensase nalgún momento que este equipo iría ao descenso, non me metería nesta aventura. Non estou convencido, senón seguro, de que entre o que vin estes días nos adestramentos e os resultados anteriores, o Laracha vaise salvar.

-En certo xeito, vostede aínda é un novato en Terceira División. Só adestrou ao Ordes unha tempada.

-Si, pero foi un ano moi completo con moitos problemas a nivel de persoal, económicos, etcétera. Evidentemente non son ningún veterano na categoría, pero coñézoa perfectamente porque xoguei moitos anos nela e teño a experiencia do Ordes na que conseguín o obxectivo: non descender a Preferente.

-Aguantará ata final de tempada?

-As expectativas son esas, agora ben, no mundo do fútbol nunca se sabe o que pode pasar.

-Como vai actuar no momento de decidir o once titular?

-Desde que eu entro pola porta, a intención é que todo o mundo teña as mesmas opcións de xogar. A partir de aí, está nas súas mans demostrar o que valen no día a día. As cousas sempre caen polo seu propio peso.