A ceense que ía en sentido contrario pola autovía alega un derrame cerebral

La Voz CEE / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A muller, que pediu a reserva da súa identidade, explica que estivo dous meses ingresada no hospital da Coruña e mostrouse molesta pola imaxe difundida do seu vehículo

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A veciña de Cee que foi detida o pasado día 9 de agosto despois de circular 29 quilómetros en sentido contrario pola Autovía Costa da Morte, asegura que sufriu un derrame cerebral, como testemuñan os informes médicos dos que di dispor, e rexeita que lla cualifique como unha kamikaze.

A muller, que pediu a reserva da súa identidade, explica que estivo dous meses ingresada no hospital da Coruña e mostrouse molesta pola imaxe difundida do seu vehículo, que aínda segue parado na peaxe da AG-55 en Carballo, onde foi reducida pola Garda Civil, despois dun aparatoso dispositivo que obrigou aos axentes a deter medio centenar de vehículos na beiravía da vía de alta capacidade para evitar unha colisión.

A condutora sinala que non pode facerse cargo do vehículo porque está aínda pendente dun procedemento xudicial. Non entende porque segue aínda aí, pero, en calquera caso, incide en que non é responsabilidade súa, nin está nas súas mans retiralo.

O marido da implicada engade que revivir o sucedido está a facerlle dano á súa esposa, que apenas hai dúas semanas que recibiu a alta, e a toda a familia.

Aínda que non se produciron danos persoais, os feitos ocorridos na mañá daquel 9 de agosto si supuxeron un perigo máis que evidente tanto para a propia automobilista como para o resto de usuarios da vía. O Opel Corsa que manexaba entrou na autovía por Baio en dirección Fisterra pero en sentido contrario, co que circulaba polo carril esquerdo cara á Coruña.

Un Garda Civil de Tráfico que viaxaba coa súa esposa nese momento alertou aos seus compañeiros e, de inmediato, organizouse un despregamento para deter o vehículo. Os responsables da AG-55 pecharon as peaxes e baixaron as barreiras, mentres tres patrullas do instituto armado metéronse na autovía para indicarlle aos condutores que se apartasen cara á beiravía. Topáronse co Opel Corsa de fronte e, tras esquivalo, deron a volta para saír tras el e lograr que a condutora parase alertándoa coas luces rotativas. Foi en balde e o coche non se detivo ata Carballo, onde xa tiñan vehículos para cortarlle o paso e onde a muller, que se viu obrigada a parar, tivo que ser reducida pola forza.