A burocracia eterniza o cumprimento da vontade de Man

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O Concello confía en adxudicar a obra esta semana despois de que varias empresas fosen rexeitadas por cuestións técnicas

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Faltan pouco máis de dous meses para que se cumpran os 15 anos do falecemento e os seus restos non repousan aínda, tal como era a súa vontade, na caseta na que pasou a última etapa da súa vida. A figura de Manfred Gnädinger, o artista alemán cuxo nome está ligado por sempre ao de Camelle, segue envolvida no paradoxo tres lustros despois da súa morte. El que tanto fuxía de formalismos e convencionalismos en procura dunha vida e unha expresión artística en comuñón coa natureza tópase agora, de xeito póstumo, con que son precisamente eses formalismos os que atrasan xa ata límites inimaxinables o necesario arranxo da caseta na que pretendía que repousasen os seus restos.

En xaneiro do ano pasado, o alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, revelaba que tiñan o apoio económico da Deputación para as obras. En abril, a xunta de goberno local aprobou o proxecto por un importe de 24.990 euros, dos que 20.000 procederían de fondos provinciais, e o resto, do Concello. En abril, o estudo Creus & Carrasco converteu xa en proxecto formal a memoria previamente elaborada e en decembro Alonso e o deputado Xosé Regueira asinaron o convenio da axuda provincial: 19.992 euros, o 80 % do total.

A pesar de que todo estaba encamiñado xa sobre a memoria, houbo que repetir solicitudes, permisos, trámites,... ata que en xullo pasado o Concello adiantaba que en agosto empezarían as obras.

Por se fose pouco, dado que se trata de reparar co apoio de dúas administracións e un recoñecido estudo de arquitectura o que fixo un albanel local e Man foi adecuando ao seu xeito, chegada a fase de contratación todo foron problemas de novo. Entre as empresas que quedaron nos primeiros postos para a adxudicación ningunha cumpría cos requirimentos técnicos, algo sorprendente porque os especificaban os pregos, co que leva xa meses correndo a lista sen que, a data de onte, completouse o procedemento. Agora ben, o concelleiro de Obras, Juan Carlos Canosa, que é o primeiro cansado con este asunto porque se encargou da maioría dos trámites, cre que esta mesma semana poderá pechalo e facer pública a adxudicataria. Está convencido «ao 99 %» de que esta empresa si cumpre as condicións, aínda que en vista de todo o que sucedeu polo camiño, quere ter todos os documentos na man para afirmalo con rotundidade.

A partir de aí deberían vir as obras, que, no fundamental, son consolidar o teito e recuperar elementos xa existentes.