Un morto e dous feridos, un moi grave, nunha colisión en Carballo

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Os falecidos en atropelos disparáronse desde xaneiro do 2016

15 oct 2017 . Actualizado ás 16:56 h.

Un mozo de 22 anos e residente en Carballo faleceu sobre as dez e media da noite de onte como consecuencia das graves feridas sufridas tras unha brutal colisión ocorrida unha hora antes na AC-552, xusto á entrada do termo municipal de Carballo, vindo de Coristanco. Segundo unha testemuña, un Citroën Xsara, con placas PO-7782-BH, que circulaba en dirección a Coristanco, saíuse do carril, invadiu o contrario, impactou contra un furgón, con matrículas 8041-HJW, saíu rebotado contra un piñeiro, deu unha volta de campá no aire e acabou contra un talude de terra. Dous mozos, ocupantes do turismo, resultaron feridos moi graves. Un deles, Víctor Martínez Espasandín, faleceu na ambulancia durante o traslado ao Chuac. Tamén foi trasladada ferida a un hospital unha muller que viaxaba no furgón. O tanatorio Grupo Bergantiños de Carballo farase cargo do cadáver unha vez que lle sexa practicada a autopsia ao novo, prevista ao longo da xornada de hoxe.

A lista de mortos na rede viaria da Costa da Morte continúa engordando ano tras ano. Pero hai un dato que empeza a preocupar en Tráfico: as mortes por atropelo. Desde que arrincou o 2016 contabilizáronse case a metade dos falecidos en accidentes. Das trece vítimas (non se inclúe nesta lista a morte da malpicá Vanesa Gende na A-6, en Becerreá), cinco foron transeúntes, sete viaxaban en vehículos e o último foi un ciclista de Negreira, Jesús José Mancebo Rojo , de 60 anos, que perdeu a vida o 2 de setembro arroiado por un coche en Zas. De feito, dous dos tres falecidos rexistrados no que vai de 2017 foron atropelados. O axente da Policía de Carballo, José Luis Garea Vales faleceu cando participaba nun control de alcoholemia nas Labradas, na noite do 20 de maio. José Allo López, de 77 anos e veciño de Lestón (Valenza), morreu o mércores arroiado por un turismo cando camiñaba pola autovía da Costa da Morte, pola que non poden circular peóns.

A estes dous casos hai que engadir outros tres no 2016. Rafael Lorenzo Viña (86 anos) faleceu o 11 de febreiro cando trataba de cruzar pola estrada DP-1914, a uns 400 da gasolineira Repsol. Evangelina Pereiro Muíño (77 anos) perdeu a vida o 25 de novembro, cando cruzaba pola DP-1914, nas inmediacións do cruzamento de Ramil. Poucas horas antes falecía en Vimianzo José Tomei Riveiro, de 69 anos. Trataba de cruzar por un paso de peóns. Dáse a circunstancia de que tiñan idades comprendidas entre os 69 e 86 anos, un dato que, segundo Tráfico, confirma «a elevada dispersión e envellecemento da poboación no rural da Costa da Morte».

De feito, dous dos tres falecidos rexistrados no que vai de 2017 na comarca foron atropelados. O axente da Policía Local de Carballo, José Luis Garea Vales perdeu a vida cando participaba nun control de alcoholemia nas Labradas, sobre as 5.15 horas do 20 de maio. José Allo López, de 77 anos e veciño de Lestón, na parroquia coristanquesa de Valenza, morreu este mércores arroiado por un turismo cando camiñaba pola autovía da Costa da Morte, pola que non poden circular peóns. Ía polo medio dos dous carrís, sentido Fisterra e non levaba chaleco reflector, segundo o informe preliminar do equipo de atestados.

Avanzada idade

Dáse a circunstancia de que todos eles tiñan idades comprendidas entre os 69 e 86 anos, un dato que, segundo a agrupación de Tráfico, confirma «a elevada dispersión e envellecemento da poboación no rural da Costa da Morte e a necesidade de acometer unha serie de melloras na rede viaria, de sinalización e iluminación».

Por outra banda, un ciclista resultou ferido as once da mañá de onte ao caerse na última curva de acceso a Razo, procedente de Baldaio. Foi trasladado a un centro hospitalario da Coruña polo 061.

Os xefes de Policía de toda España homenaxearán ao malogrado José Luis Garea Vales

Celebrarase o día 25 (mércores) no salón Trafic Ifema de Madrid

Os responsables das xefaturas da Policía Local de toda España, englobados na entidade Asempol, renderán unha homenaxe ao malogrado axente carballés José Luis Garea Vales, que faleceu atropelado por un turismo na madrugada do 20 de maio cando participaba nun control de verificación de alcoholemia e de documentación nas Labradas.

O acto de homenaxe celebrarase o día 25 (mércores) no salón Trafic Ifema de Madrid, no transcurso da convención nacional das policías locais sobre seguridade viaria. Os responsables destas xornadas farán entrega aos familiares do policía dun premio extraordinario á seguridade viaria a título póstumo.

A este acto xa confirmou a súa presenza o xefe da Policía Local de Carballo, Roberto Mosquera. Tamén está previsto que acuda algún integrante do equipo de goberno local. José Luis Garea xa foi homenaxeado pola Policía Local de Vigo e os responsables de seguridade en Galicia.