A enerxía que vén será verde, bonita e barata

F. Fernández LA VOZ

BIODIVERSA GALICIA

IBERDROLA

O operador do mercado eléctrico constata que a revolución renovable e o autoconsumo abaratarán os prezos

14 novs 2019 . Actualizado ás 19:08 h.

As enerxías renovables xa sacian, de media anual, o 40 % da demanda de enerxía eléctrica dos consumidores. Pero no 2030 acadarán o 74 %. É polo menos a meta marcada no plan nacional de enerxía e clima, elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, en liña cos obxectivos da Unión Europea.

O panorama dentro de dez anos será case totalmente verde, e completarase co peche total das centrais de carbón e a continuidade das de ciclo combinado (con gas natural) como respaldo do sistema eléctrico. Ao mesmo tempo, a xeración será distribuída, é dicir, fogares, industrias e comunidades de veciños disporán das súas propias instalacións de produción para autoconsumo. 

Os consumidores non só contaminarán menos, tamén aforrarán diñeiro. O director de seguimento do mercado eléctrico, Juan Bogas, avanza que «os prezos [da electricidade] van baixar», aínda que «ninguén sabe canto». E será así porque «vai haber máis ofertas e máis baratas. O custo do combustible das renovables é case nulo e o de funcionamento é moi, moi baixo». Con todo, «tamén vai haber maior diferenza de prezos. Nos momentos en que teñamos unha produción renovable importante vai haber moitas horas baratas, pero tamén as haberá moi caras porque ten que haber detrás das renovables unha xeración firme (posiblemente os ciclos combinados), que terán un número de horas de funcionamento moi reducido e teñen que recuperar o seu custo de investimento, pola contra non serán rendibles e terían que pechar».

Bogas participou en Santiago nun seminario sobre xeración eléctrica distribuída organizado pola Fundación Naturgy.

O responsable de seguimento do operador do mercado, OMIE, tamén resaltou que o autoconsumo acabará co «consumidor cativo» e permitirá protexerse contra eses picos de prezos. «Vainos interesar ter sistemas de almacenamento para afrontar a diferenza que vai haber entre ese prezo moi baixo das renovables (2,3, 4 ou 5 euros o megawatt hora) e o dun ciclo, que se cadra vai ter que pedir entre 100 ou 200 euros para compensar o pagamento de emisións de CO2».

Bogas precisou que «evidentemente ninguén se vai a preocupar de mirar o prezo ás dúas da tarde, para iso instalaranse sistemas automáticos dixitais. O consumidor o que vai ter que dicir é se quere cargar o coche eléctrico ás oito da mañá, ou cando acender a calefacción».

A hegemonia renovable (sobre todo de fotovoltaica e eólica) provocará que as horas nocturnas deixarán de ser as máis baratas. Segundo Bogas, «a punta de prezo no verán serán as oito da mañá, e as horas baratas serán as 11, 12 ou 13, cando hai máis sol e a eólica é máis constante».

«A eólica do mar do Norte estámola consumindo aquí»

O mercado almacenista funciona a nivel europeo desde febreiro do 2014, explica Bogas. «Faise unha casación común de prezos en 22 países, compartimos as renovables. A eólica mariña do mar do Norte hoxe estámola consumindo aquí, estamos interconectados con Francia , con Alemaña ... Nunha porcentaxe que irá incrementándose para que no 2030 compartamos 8.000 megawatts».