É «Xogo de tronos» unha alegoría sobre o cambio climático?

Xavier Fonseca Blanco
xavier fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

BIODIVERSA GALICIA

Xavier Fonseca

O seu creador, George R. R. Martin, confirmou que a serie inclúe unha alegoría sobre o quecemento global

20 abr 2019 . Actualizado ás 21:37 h.

En Xogo de tronos, a serie máis premiada da historia da televisión, a meteoroloxía aparece de forma recorrente. O leitmotiv é a ameaza dun inverno moi cru que se aproxima. Con todo, ninguén parece saber a súa duración. Na novela que inspirou a serie, Canción de Xeo e Lume, existen dous tipos de invernos, de 600 e 900 días.

Un grupo de científicos da Universidade de Cornell, nos Estados Unidos, publicou un artigo no que se describe como debería ser un planeta para ter un clima tan desordenado. A primeira tese apunta a un eixo variable. O da Terra está inclinado 23,5 graos pero permanece estable e por iso as estacións sempre duran o mesmo. O eixo do mundo de Poñente cambiaría constantemente, alterando a radiación solar que chega ao planeta. Outra das hipotésis apunta á órbita. O argumento tería lugar durante a transición entre unha órbita elíptica e circular. No noso planeta estas pequenas variacións ocorren en ciclos de cen mil anos e xeran as glaciaciones. A terceira proposta, a que máis gusta aos físicos, inclínase por un obxecto circumbinario, que orbitaría dous soles. Os astrónomos descubriron que mundos con estas características son frecuentes no universo. Non habería xa que logo unha única órbita senón moitas, algo que explicaría porqué as estacións sucédense de forma tan caótica.

O creador da serie, George R. R. Martin, acaba de confirmar ademais que a historia inclúe unha alegoría sobre o cambio climático actual, un problema que «debería ser a principal preocupación dos políticos», asegurou. O guion de Xogo de tronos presenta certas similitudes con aspectos que rodean ao quecemento global. Por exemplo, na ficción as diferentes familias parecen demasiado ocupadas intentando acabar unhas con outras como para ter tempo de preocuparse dun risco maior que afecta a todas. Esta incapacidade para actuar de forma conxunta pódese trasladar tamén aos gobernos, que non acaban de pórse de acordo para frear a emisión de gases de efecto invernadoiro que aumentan a temperatura media. No mundo real existen ademais negacionistas, por exemplo Donald Trump. Esta corrente tamén queda reflectida na serie. Un exército de zombis avanza co inverno pero moitos negan a súa existencia. Fronte aos escépticos está a Garda da Noite, un grupo de soldados que alerta a cada unha das familias da inminente chegada dun inimigo común que pon en risco a supervivencia da especie humana. Un labor que no mundo real realizan cada día os científicos que fornecen os datos á comunidade internacional para que reaccione.