O orballo, en perigo de extinción

Xavier Fonseca Blanco
xavier fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

BIODIVERSA GALICIA

XOSÉ CASTRO

A choiva do futuro en Galicia, segundo os modelos científicos, caerá con menos frecuencia pero máis intensidade

05 mares 2019 . Actualizado ás 19:20 h.

A choiva representa para os galegos o mesmo que a neve para os esquimós. Do mesmo xeito que un poboador do Ártico pode captar unha ampla gama de brancos, un galego percibe os diferentes matices nun día de precipitacións. Un don que adquiriron coa experiencia. Esa capacidade reflíctese no idioma da comunidade, que contén máis de cen termos para referirse ao hidrometeoro.

Pero a choiva, como o resto de fenómenos atmosféricos, está modificando o seu patrón comportamento debido ao aumento da temperatura media global. A emisión de gases de efecto invernadoiro quenta a superficie, o océano e a atmosfera. «A ecuación de Clausius Clapeyron, moi famosa en Física, sinala que a atmosfera poderá conter de media un sete por cento máis de humidade por cada grao centígrado que aumente a súa temperatura media. Parece claro que a atmosfera do futuro será máis húmida que a actual», asegura Jorge Eiras, investigador posdoctoral do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo.

A evolución da precipitación en Galicia dependerá directamente de se a civilización leva a cabo ou non unha transición enerxética. As proxeccións científicas traballan agora mesmo con dous escenarios. «O primeiro coñécese como business as usual, o máis pesimista, no que basicamente non cambia nada. O segundo sería un escenario intermedio, cun contexto socioeconómico máis sostible», explica José Manuel Gutiérrez, profesor de investigación do CSIC. Gutiérrez é un dos impulsores do proxecto AdapteCCa.é, que permite coñecer o progreso de diferentes variables ao longo do século en base a estes dous escenarios. «Trátase da gran iniciativa rexional sobre cambio climático. Estas proxeccións mesmo permiten analizar resultados por provincias», apunta.

Os modelos non aprecian un cambio significativo na cantidade de choiva que xa cae anualmente na comunidade galega. Nin sequera no peor dos escenarios aumentaría demasiado. Se non se realizan avances en materia de mitigación, a finais de século só chovería algo máis de 200 litros máis por metro cadrado ao ano. Unha cifra discreta para un clima tan húmido. No escenario máis sostible a media anual reduciríase un pouco porque entrarían en xogo outros factores como a variabilidade natural.

Onde se observa unha variación moito máis notable é no número de días de choiva, que se reducirían máis de vinte no peor dos casos. Xa que logo, se a cantidade de precipitación non cambia demasiado pero si a distribución, está en xogo o tipo de choiva. «Os modelos prevén que as precipitacións estarán máis concentradas nunha cantidade de días inferior á actual, acentuando as secas nos meses secos e as choivas torrenciais nos meses húmidos», recoñece Eiras.

O cambio climático non só provoca a desaparición de especies animais e vexetais. Tamén pode xerar a extinción de palabras que transcenden o ámbito do meteorolóxico, como é o caso de orballo ou poalla. Esta choiva tan característica, de tipo débil e persistente, será substituída no futuro por unha precipitación moito máis intensa.