O berro de socorro dos océanos contra o lixo mariño

Ana Martínez EFE / SANTIAGO

BIODIVERSA GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O impacto dos plásticos pode causar serios danos económicos para as comunidades costeiras e as actividades produtivas como a pesca comercial

17 oct 2018 . Actualizado ás 17:49 h.

O conteo dos residuos xerados pola pesca e outras actividades nos océanos sería inmisericorde, pero supón o signo dos tempos, polo que científicos de Galicia, Portugal e Reino Unido están inmersos nun proxecto europeo que pretende avaliar, e combater, o lixo mariño.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten unha implicación directa, xa que lidera o traballo socioeconómico, da man dos profesores Sebastián Villasante e Manel Antelo e dos investigadores Pablo Pita Orduna e Joao Garcia-Rodrigues, do Campus do Mar.

Un deles, Villasante, contou nunha conversación con Efe que o impacto dos plásticos nos mares vai ocasionar efectos moi negativos, ecolóxicos, económicos, «e mesmo potencialmente de saúde pública», constituíndose como unha das principais ameazas da saúde dos océanos xa que se trata dun efecto acumulativo e transfronteirizo. «Por exemplo, en Galicia podemos sufrir os efectos de contaminación producida noutras latitudes», subscribe.

Os lixos mariños representan un problema global que afecta a todos os océanos e cada ano a produción das mesmas, e de plásticos, aumenta de modo exponencial, co cal se en 2015 acadáronse os 380 millóns de toneladas guindadas, pon como exemplo, las proxeccións realizadas estiman que en 2050 a cifra será de 1.800 millóns, segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, coñecida como a FAO.

E os denominados lixos mariños poden causar, segundo detalla o especialista, serios danos económicos para as comunidades costeiras e as actividades produtivas como a pesca comercial, recreativa, o turismo ou o transporte marítimo.

Na Unión Europea, estímase que os custos de limpeza das costas e praias roldan, «como mínimo», di, os 630 millóns de euros anuais, mentres que os custos para a industria pesqueira poderían acadar os 60 millóns anuais, o que representa o 1% dos beneficios económicos de toda a flota pesqueira da UE.

Tendo en conta o carácter acumulativo e de dispersión incontrolada dos lixos mariños, explicita Villasante, trátase dunha dos maiores ameazas para a saúde dos océanos «das últimas décadas».

Ademais, a produción plásticos (incluíndo os lixos mariños) contribúe á xeración de gases de efecto invernadoiro, «que agravan os efectos do cambio climático». Na Unión Europea, entre un 4 e un 6% do consumo de gas e combustible é utilizado para materiais de plásticos manufacturados, conta Villasante.

A industria de plásticos influíu, concreta este investigador, «de forma decisiva» na actividade pesqueira, tanto comercial como recreativa, dado que permitiu o deseño de materiais compostos de plástico, e iso principalmente nas redes de pesca.

En España existen máis de 9.000 barcos de pesca e sobre 230.000 de recreo que xeran residuos oleosos, outros derivados das técnicas e métodos empregados para a captura das diferentes especies, e despois están os procedentes da propia alimentación, de maneira que se perseguirá diminuír o impacto dos mesmos sobre o ecosistema a tratar.

O grupo sobre o que recae tal encomenda coordínao a investigadora Cristina Ribeiro, do Centro Interdisciplinar de Investigaçãou Marinha e Ambiental de Portugal , e o traballo conxunto consistirá nunha análise ecolóxica e socioeconómico de «a pegada» que deixan todos estes refugallos e, polo tanto, na consecución dun adecuado xeito de xestionar este problema.

O propio nome do grupo de traballo dá conta da fazaña que se ha de conquistar, posto que fai alusión aos aparellos utilizados e ás medidas necesarias para promover a realización deste traballo, o da pesca, sen apenas desperdicios.

É dicir, cos mínimos necesarios pois, non en balde, un dos propósitos deste equipo, tal e como se desprende do seu informe de intencións, é o deseño de innovadores métodos para detectar, recuperar e reducir o número de artes a usar no desempeño desta tarefa profesional.

NetTag analizará para iso, tal e como os seus expertos explicaron, as costas galegas, lusas e de Gran Bretaña e Irlanda do Norte coa misión de cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (2030), co Global Partnership on Marine Litter e a Estratexia de Honolulu, coa Directiva Marco da Estratexia Marina Europea (MSFD) e coa propia iniciativa de economía circular da Unión Europea.

Participan nesta ardua tarefa tamén as universidades de Aveiro (Portugal) e Newscastle, o Centro de Robótica e Sistemas Autónomos (CRAS) do país luso, o Royal Lankhorst Euronete Group e a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi).

O orzamento do que dispoñen é de 493.063 euros e está financiado pola Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas da Comisión Europea.

A necesidade de frear de cheo a entrada masiva destes detritos na superficie mariña, un contratempo que, por exemplo a turbadora contaminación acústica motivada pola trasfega de barcos, afecta á cadea alimentaria e redunda na polución, é o alicerce de investigacións como a presente.

A extracción de combustibles fósiles, os transportes (incluídos os cruceiros) e a pesca guindan cantidades de sustancias tóxicas e, unha vez nese ambiente, o mariño, os contaminantes acumúlanse na cadea trófica e supoñen riscos importantes.

A institución académica compostelá deu ademais un paso máis aló, no marco doutro programa, o «Sicore», que lidera e conta co respaldo económico da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP).

Neste caso, examínase a pesca recreativa, que practican en Europa dez millóns de afeccionados cun gasto para o seu desenvolvemento de seis millóns de euros ao ano; en territorio español, 300.000 e cun gasto de 217 millóns.

En todo caso, non existe unha recollida sistemática de información sobre esta modalidade nos capítulos de efectos, participación, esforzo, capturas e perfil social, polo que se intenta dar unha resposta a esta ampla demanda.

A Asociación Paisaxe Limpa, unha organización de ámbito nacional e sen ánimo de lucro, estima que da cantidade de refugallos en xeral, apenas un 20% chega ás praias, mentres que o 15% mantense na columna de auga e o resto queda depositado nos fondos mariños ou ben son inxeridos pola fauna, unha condena para os océanos, pero tamén, ao cabo, para os seres humanos. EFE