O plástico de Florida contamina Galicia

Xavier Fonseca Blanco
XAVIER FONSECA REDACCIÓN / LA VOZ

BIODIVERSA GALICIA

Valeira

O ritmo de consumo actual resulta incompatible cuns mares saudables

09 may 2019 . Actualizado ás 15:37 h.

Para dimensionar o problema do plástico non fai falta irse ao Pacífico, onde varias investigacións sitúan ata dous billóns de fragmentos en forma de illa que tería acadado xa unha superficie dun millón e medio de quilómetros cadrados. «Nas praias galegas tamén hai grandes cantidades de bastoncillos, tapas de botella, bolsas ou latas de bebida. E aínda hai máis no fondo das rías», explica Jesús Gago, investigador en Vigo do Instituto Español de Oceanografía.

Non resulta doado saber canto plástico pode haber nas rías e de onde vén. O océano, como a atmosfera, tampouco ten fronteiras e xa que logo trátase dun proceso global. «O lixo que tira un holandés pode acabar nunha praia da comunidade. Hai uns días, nun areal de Vigo atopamos un obxecto de plástico que viña desde Florida e que era do ano 97», comenta Gago. Este 22 de abril celébrase o Día da Terra e a ciencia lanza unha mensaxe contundente. O ritmo de consumo actual resulta incompatible cuns mares saudables. Algúns estudos predín que en 2050 os océanos poderían conter máis plástico que peixes. «O problema reside no ciclo de vida útil dos plásticos. Se continúan rematando no mar ou os ríos teremos problemas moi graves», recoñece o investigador.

Valeira

Os océanos, que fan do planeta un lugar habitable, son cada máis hostís para a vida. A invasión do plástico pon en risco a supervivencia de moitas especies. En Galicia ameaza por exemplo ao mexillón, un organismo que filtra unha gran cantidade de auga. Afortunadamente aquí existe o fenómeno do afloramento, que renova as augas constantemente. «Se estivésemos nun lugar do Mediterráneo que non tivese este mecanismo natural seguramente xa non habería acuicultura do mexillón porque as rías estarían cheas de lixo. En Galicia hai unha circulación intensa da auga que despraza parte do lixo cara a fóra. Aínda que isto non deberiamos consideralo como algo positivo», asegura o científico.

O paradoxo do plástico é que o propio ser humano acaba inxerindo grandes cantidades en pequenas doses. Estanse detectado importantes concentracións de microplástico en auga de consumo, cervexa e en todo tipo de alimentos. «Hai que importar medidas doutros países. En Irlanda , onde moito plástico remata nas súas costas, hai unha taxa para as bolsas. Habería que prohibir ademais os dun só uso, como os vasos de plástico, como fixeron en Francia . Eu na miña oficina utilizo un de vidro. Un xesto que aforra moito plástico», recomenda Gago.