Ribeira pon de relevo as tradicións e a historia no Encontro de Embarcacións

RIBEIRA
A cita incluíu unha degustación de lirio e un faladoiro sobre a travesía do Xurelo
19 jul 2025 . Actualizado á 09:18 h.Resaltar a beleza e o gran valor material e inmaterial que teñen as embarcacións tradicionais, parte fundamental da cultura mariñeira, é o principal obxectivo do encontro que este fin de semana se celebra en Ribeira. Pero, como non podía ser de outra forma, a cita é aproveitada para poñer de relevo a historia e as tradicións locais, que conviven así con outras manifestacións achegadas por delegacións forasteiras.
Na xornada do sábado, a Cooperativa Santa Eugenia puxo a disposición dos visitantes ao recinto habilitado na zona portuaria da cidade unha degustación do seu produto estrela, o lirio, que foi servido en tempura.
Foi xusto antes de que os asistentes tiveran ocasión de coñecer unha das historias máis heroicas que xermolaron en Ribeira na época recente, a do Xurelo. Este pesqueiro puxo a comezos dos 80 rumbo á fosa atlántica para reivindicar que cesara o depósito de residuos nucleares no lugar. Para lembrar aquela aventura reivindicativa acudiron ao faladoiro organizado no marco do Encontro de Embarcacións Tradicionais algúns dos participantes, como Gonzalo Vázquez, Camilo Nogueira, Pili Pereiro e Manuel Méndez.
Na segunda xornada tamén cobraron relevancia asociacións como Ambar, Amicos e A Creba, que demostraron que o mar non ten barreiras, sumándose a sesións de navegación inclusiva.
Estrea escénica
Ambar aproveitou a ocasión para presentar Casas refuxio, a súa nova e emocionante peza escénica. É unha obra interpretada polo grupo Elas, formado por usuarias da entidade, que está dirixida por Helena Salgueiro e narra a historia de mulleres libertarias.
Outra das propostas destacadas chegou da man de Helena Domínguez, autora do libro Talasonimia da Ría de Arousa, un estudio que recolle vocabulario e patrimonio cultural vinculado con este territorio.
Máis alá destas actividades puntuais, o que chama a atención deste encontro son as 130 embarcacións que conforman a gran exposición flotante da que se pode gozar no peirao ribeirense, co engadido de que en algunhas é posible incluso embarcarse nunha travesía polo litoral. Tamén son puntos de visita imprescindible os espazos dedicados aos oficios tradicionais e á artesanía.
O décimo sétimo Encontro de Embarcacións Tradicionais continúa mañá. Entre as actividades destacadas figuran a presentación dos libros Nave cetácea (12.30) e Un mar de preguntas (19.00). Ás 20.30 haberá un monólogo a cargo de Quico Cadaval e despois, un concerto con De Ninghures.