Ángela Fernández, de alumna a profesora no mesmo centro: «Mestres que me deron clase, agora son meus compañeiros»

Laura Ríos
laura ríos RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

As vicisitudes do destino fixeron que a barbancesa entrase a facer unha substitución no 2013, o que desembocou nun contrato indefinido no ano 2016

01 jun 2023 . Actualizado ás 10:44 h.

A pesar de que parecen todas iguais, cheas de nenos e pupitres verde claro, o certo é que non todas as aulas o son. Talvez non é tanto pola diferenza na construción como o valor sentimental que acaban adquirindo os mobles e decoracións, testemuñas do paso das xeracións e a necesaria transmisión de coñecementos.

As clases tamén dependen dun simple pero enrevesado xogo de perspectivas. Os alumnos miran ao mestre en busca de saberes, mentres leste ve nos nenos unha estrutura incompleta que necesita tempo e moito mimo para chegar a lucir o seu maior potencial. Esta choiva de sentimentos mesturados con responsabilidade foi a que empapou a Ángela Fernández cando se sentou por primeira vez no seu asento de nova docente no Galaxia, o colexio onde ela mesma se crío: «Chorei cando sentei na mesa de profesor, sabía que comezaba algo moi bonito para min».

Talvez as bágoas embargárona porque o camiño para chegar ata alí non fora doado. Antes de descubrir que o ensino era o seu, a ribeirense estudou logopedia, profesión pola que sentía unha gran paixón, aínda que sempre pensou que lle faltaba algo. «Estaba contenta no meu traballo, pero eu necesitaba algo máis, algo que me achegara máis aos nenos», declara.

Amor polos nenos

Esta motivación levouna a sacarse a carreira de Maxisterio a distancia e acabar facendo prácticas no seu antigo colexio. Aínda que fantaseaba con ensinar no mesmo sitio onde estudara desde infantil ata segundo de bacharel, o certo é que pensaba que aquela sería misión imposible: «Soñaba coa idea de ser profesora algún día, pero as cousas estaban complicadas». As vicisitudes do destino fixeron que a barbancesa entrase a facer unha substitución no 2013, o que desembocou nun contrato indefinido no ano 2016.

Segundo ela, son moitas as cousas que cambiaron desde que ela estaba alén da mesa, como a capacidade dos nenos de concentrarse nunha tarefa determinada. «Hoxe en día hai moitos elementos que fan que a atención dos rapaces non estea preferentemente nos libros, pero non podemos xeneralizar», pensa.

Outra vertente destas variacións nos escolares nótase en como se trata ao equipo docente: «Eu penso que antes nos fogares a figura do profesor era moi respectada e valorada. Hoxe en día teño dúbidas. Non se pode tratar ou falarlle a un mestre coma se fose un colega»

A docente, cunha forte unión emocional co seu traballo, explica que a parte máis difícil de levar psicoloxicamente é a obrigación que sente consigo mesma e cos pequenos de sacalos adiante a todos, sen deixar a ninguén atrás: «Cada vez temos máis alumnado que vén de outros países, tamén alumnado con dificultades, e o noso obxectivo é proporcionarlle coñecementos a todos, acompañalos todo o posible no camiño do ensino».

As paredes do Galaxia non só encerran horas de estudo e dedicación da ribeirense, se non tamén anécdotas para toda a vida. Conta que cando tiña 12 ou 13 anos leu para a materia de castelán un libro titulado A importancia de chamarse Ernesto e que a obra tivo tal poder sobre ela, que a fixo reflexionar sobre a realidade social que a rodeaba e prometerse que o seu futuro fillo —que está no colexio da súa nai— chamaríase así. «Hoxe en día chegamos a un consenso e non se chama así, pero a miña familia e os meus amigos preguntan por como lle vai ao noso pequeno Ernesto».