Rexistrados dous tremores seguidos fronte ás costas de Ribeira

RIBEIRA

cedida

O primeiro tivo unha intensidade de 1,9 e o segundo acadou os 2,2

26 ene 2023 . Actualizado ás 09:51 h.

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou dous movementos sísmicos a mañá deste xoves fronte ás costas de Ribeira . O primeiro tivo lugar ás 8.08, cunha intensidade de 1,9 na escala Richter. O epicentro situouse no mar, á altura de Corrubedo. O segundo movemento sísmico rexistrábase só dous minutos despois e a súa magnitude acadaba os 2,2. Neste caso, o IGN marcou o epicentro fronte a Aguiño.

Debido á súa baixa intensidade, ningún dos tremores deixouse sentir na comarca. Non ocorreu o mesmo co movemento sísmico que se rexistrou con anterioridade, concretamente o 29 de decembro. Acadou os 3,8 de intensidade e situouse fronte ás costas de Muros e Carnota, pero notouse en boa parte do territorio barbancés.