Investigado un veciño de Ribeira polo furto de dous tenreiros

RIBEIRA

Garda Civil

A patrulla do Servizo de Protección da Natureza realizou a actuación conxuntamente cos postos da Garda Civil de Boiro e A Pobra

06 dic 2021 . Actualizado ás 20:48 h.

A Garda Civil investiga a un veciño de Ribeira como presunto autor dos delitos de furto de gando e falsidade documental. A actuación desenvolveuse a instancias do propietario das reses. A patrulla do Servizo de Protección da Natureza, en colaboración cos postos de Boiro e A Pobra do Caramiñal, localizaron os dous tenreiros, contando co apoio dos servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural.

Os animais atopábanse estabulados nos cercados duns montes da zona. Ao detectar a súa falta, a vítima presentou a correspondente denuncia. Os axentes localizaron nunha leira dous tenreiros cuxas características morfológicas correspondían coas descritas nas denuncias. Ademais, carecían dos crotales identificativos. A Garda Civil falou co suposto propietario para que acreditase a titularidade das reses e, segundo indican desde o instituto armado, a persoa investigada presentou un documento de identificación bovina que non se correspondía coas datas de nacemento das reses. Comezaron así as xestións en conxunto cos veterinarios de Medio Rural e o propietario dos tenreiros para a realización das probas xenéticas.

Unha vez recibidos os resultados, a patrulla da Garda Civil constatou que os tenreiros non eran fillos das reses que o investigado sinalaba no documento de identificación. A información solicitada, as denuncias de furto de gando existentes en localidades próximas e a localización das posibles nais dos tenreiros, permitiu, tras novas probas xenéticas, comprobar que efectivamente o par de animais localizados eran os subtraídos e foron entregados ao seu propietario.