Carmen Sampedro: «Na arte, son feliz navegando ao pairo, sen fondear nunca»

olegario SAMPEDRO

RIBEIRA

Abraldes

A nostalxia polo mar e a nenez en Ribeira marcan a súa obra

26 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En Longe do mar, o escritor luso Paulo Moura describía como a súa familia, emigrada nunha vila afastada do seu Aveiro natal, trataba de debilitar a dolosa morriña que padecía pola ausencia do mar achegándose ata o alto dun monte onde non era posible velo pero, ao menos, si ulilo.

Carmen Sampedro leva o litoral impreso na magnética mirada dos seus intensos ollos verdes. Imposible outro ollar e outro alter ego nunha artista que chegou ao mundo en pleno encéfalo da ría da Arousa nunha casa do barrio de Bandourrío (Ribeira) onde as ondas do mar lambían o penal da vivenda. Porén, aínda que leva décadas transitando polos empedrados de Compostela, á artista non lle fai falta ascender ao cume do Pico Sacro para adiviñar o arrecendo do océano.

A costa revélasenos na súa extraversión, nos seus acenos, na súa linguaxe e metalinguaxe e, indefectiblemente, nos seus pinceis. As paisaxes mariñas e urbanas da terra natal compoñen unha fecunda topografía afectiva que pode ser rastrexada doadamente en forma e fondo, en presenza e mesmo en ausencia, na súa fértil produción artística. O trazo expansivo, a hiperactividade, a fastosidade de gamas cromáticas, a falta de prexuízos ao afrontar texturas e estilos... A obra da barbancesa exsuda salitre e litoral, ovunque.

?Arriemos cabos. O mar e as paisaxes da túa nenez son unha constante na túa pintura. Estou no certo?

-Estás. É unha temática fondamente vinculada á nostalxia que sinto polas paisaxes da miña terra natal. Algo que me permite seguir navegando a través do meu pasado ata os meus recordos da infancia e, a partir de aí, darlles unha nova vida na realidade dos meus lenzos. De todos os xeitos, a miña pintura vén sempre condicionada polo meu estado de ánimo e o lugar onde estea, pois sempre parto de realidades coas que desprego unha especial vinculación, persoal ou emocional.

?Resulta moi significativo o prolífico da túa produción artística.

-Quizais é consecuencia da miña iniciación tardía na arte. É por iso que estou constantemente traballando. O meu caderno de apuntes e esbozos é o meu inseparable compañeiro. Os bosquexos ás veces cristalizan nun lenzo e outras quedan á espera. Gustaríame entregarme a tempo completo á creación, pero a espiral laboral e da vida cotiá, de momento, impídemo.

?Saes a navegar sen temor entre multitude de estilos e técnicas. Con cal te sentes máis cómoda e cal se che resiste?

-Gústame sondar todo tipo de xéneros e técnicas, mesmo as máis novidosas, nun persistente afán de superarme e evolucionar, o cal se traduce en que o meu estilo poida ser definido como ecléctico. Con respecto á técnica, o acrílico é co que me sinto máis cómoda xa que me ofrece máis posibilidades plásticas. E como materia pendente teño o introducirme na técnica do gravado. Encantaríame iniciarme, nun futuro próximo, no Museo do Gravado de Artes.

?Cando xurdiu o teu pulo artístico?

-Xa de nena gustaba de debuxar. As marxes dos meus libros de texto estaban cheas de bosquexos. Foi de mociña cando unha querida amiga mencionou que o seu pai era pintor. Pensei, inxenua, que pintaba casas. Cando me aclarou que era artista e pintaba cadros, quedei fascinada con que alguén da miña contorna puidese ter a arte como profesión. Tratábase do grande artista Manuel Ayaso. Coñecín a súa obra e quedei impresionada por aquel mundo. Sen dúbida foi el o meu primeiro gran referente no mundo da arte.

?Atrévete, tírate ao mar e dáme o nome dun pintor, só un. (Suspira fondo e cavila un intre. Consciente e segura, mantén o envite. A resposta traduce, como non podía ser menos, olor a litoral)

-Joaquín Sorolla. Teño debilidade e predilección polo seu manexo da luz, dos reflexos do mar e dos brancos. Sempre, sempre que contemplo a súa obra, me estremezo.

?Cal consideras que foi o momento máis especial da túa fértil carreira?

-Sen dúbida a inauguración da miña primeira exposición individual. Foi en Ribeira no 2015. Soe afirmarse que ninguén é profeta na súa terra. No meu caso a sensación foi a contraria, a acollida e o cariño recibidos aínda me emocionan.

?En que andas actualmente embarcada?

-Ando envolta coa poesía, actividade que mantiña na estrita intimidade ata que me atrevín a mostrala, no 2019, nun certame na Estrada, cun texto onde reflectía os sentimentos sobre a violencia contra as mulleres. Aquilo motivoume a seguir mostrando a miña literatura. Escribo en galego porque me permite expresarme de maneira máis profunda e emocional. E con respecto á pintura, á parte de ser comisaria de varias exposicións, estou preparando a participación na Mostra Art´in Lima en Portugal e unha individual en Santiago, na que mesturo pintura e poesía.

?A que porto che gustaría chegar no mundo da arte?

-Nunca prefixo rutas nin destinos. O que realmente me gusta é pintar desfrutando do acto e do momento. Na arte, son feliz navegando ao pairo, sen fondear nunca…

Travesía da pintura á poesía

Filla de Luciano, dos Olegarios, e Susa de Blas, do Campiño, Carmen Sampedro (Ribeira, 1956) é a segunda dos catro fillos do matrimonio. Saborea unha infancia feliz e, no abrente da mocidade, a luz vírase escura. O mesmo día en que apaga 15 velas nunha tarta de galletas enchoupadas de chocolate e xerez, falece o seu pai. Unha garra tinxe de loito e púrpura a súa alma nunha cicatriz que aínda hoxe lle supura e a estremece.

Rematado o Bacharelato no Colexio Galaxia, toma un Celta con destino a Santiago para ingresar na Universidade, previo paso polo Instituto Rosalía de Castro. Non era consciente de que aquela sería unha viaxe sen volta definitiva á Barbanza. Diplómase como mestra e comeza a traballar no Colexio das Trinitarias en Noia.

Destino e vida

Será nas terras do Tambre onde descubra que o amor estaba á espera no fondo dos ollos celestes dun mozo, ao que une destino e vida. Fondea en Lariño, Portomarín, Betanzos e Pontecarreira antes de amurar en Santiago, onde vive rodeada de fillas e netos, flores, pinceis e poesía mentres exerce como docente en Lavacoia.

No 2013 expón por vez primeira nunha mostra colectiva en Malpica. Dende aquela participa, tanto nacional coma internacionalmente, en 49 exposicións colectivas e 6 individuais. No 2019 desprega velas nos mares da poesía. O recoñecemento é inmediato obtendo o Premio do Certame de Pintura e Poesía na Estrada. É membro activo de Galeoska (Galegos e Galegas Koa Arte).

Fecunda obra

Autodidacta, perseverante e dotada dunha habilidade case bíblica para multiplicar o tempo, Sampedro produce unha fecunda obra cunha saudable ausencia de dogmatismos artísticos e una carencia de medos para se expresar nun dispar revolutum de texturas, estilos e técnicas. Coa forza do seu sangue salgado, pon proa ao vento e, decidida, pero respectuosamente, isca o palangre co clasicismo, o realismo, o impresionismo, e mesmo con pequenas, pero acertadas, doses de expresionismo.

Panta rei, todo flúe e nada permanece estático, aseveraba Heráclito, o pai do cambio e da dialéctica. Sen a máis débil sombra de dúbida, o filósofo estaría feliz de coñecer a locuaz e inqueda artista.