As fábricas de Corrubedo

SANTIAGO LLOVO TABOADA

RIBEIRA

Ata nove grandes salgaduras estiveron operativas nas tres praias urbanas da localidade

26 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Dicir que Corrubedo é un sitio especial non é ningún descubrimento. Son moitos os activos que atesoura esta fermosa parroquia de Ribeira, algúns evidentes e outros que non o son tanto. Hoxe ímonos centrar nunha parte senlleira da súa historia, as fábricas de salga.

Na fotografía vense con claridade os restos das tres salgaduras que houbo na praia da Robeiriña. A máis vella delas ergueuna un catalán en 1814. Noutras dúas praias da localidade tamén quedan vestixios doutras. Na da Robeira, antigamente chamada praia das Lanchas, houbo ata cinco. Unha delas, a máis antiga, foi construída no século XVIII. Por último, na praia do Prado, na zona chamada do Cantón, houbo outra.

En total estamos a falar de nove grandes salgaduras distribuídas entre estas tres praias urbanas da localidade. Todas elas foron erguidas en terreos aforados que eran da posesión do entón Marqués de Camarasa, propietario do coto de Santa María de Corrubedo e señor do pazo de Xunqueiras, na Pobra do Caramiñal.

Foron moitas as xeracións de pescadores de Corrubedo que serviron de sardiña estas fábricas, e tamén moitas as mulleres que alí traballaron, pero o realmente sorprendente e diferencial con outras localidades foi a cantidade de familias que as explotaron.

Xa fora como propietarios ou en réxime de alugueiro nestas salgaduras traballaron moitos compoñentes de familias moi coñecidas no Barbanza, tanto cataláns, como «nativos». Entre os primeiros destacamos os seguintes apelidos: Barnet, Barreras, Batista, Busóns, Cardona, Carreró, Colomer, Crusat, Curt, Gelabert, Piferrer, Pijuan, Ferrer (Grau Ferrer tivo unha e José Ferrer “Marlés” chegou a ter catro), Riva, Roig, Saledrigas, Soler ou Villoch. En canto aos nativos tiveron salgaduras de seu en Corrubedo as seguintes familias: Ageitos, Del Río, Domínguez, Fajardo (de alcume Fagorro), Fernández, Mariño, Martínez, Paz, Pérez, Riveiro, Silva, Somoza, Varela, Vidal e Vizcaya.

Este elevado número de «fomentadores» non era casual. De igual xeito a como sucedeu noutras rías, cando ía descendendo a captura de sardiña no interior das mesmas, os industriais da salga ían traspasando a súa produción á parte exterior.

Ou cheiro non verán

Por outra banda, non podemos esquecernos de que o cheiro das fábricas no verán, que era a época de maior traballo, tiña que ser difícil de levar, por iso os grandes empresarios da salga da Pobra, Palmeira e Ribeira pecharon as súas salgaduras principais nos seus lugares de residencia, para abrir no entón apartado porto de Corrubedo. De aí vén que estas salgaduras foron practicamente as últimas que deixaron de traballar no mesmo para o que foron construídas.

Non deixemos que se perda este importante patrimonio que parece adormecido. deámoslle unha segunda vida. Os nosos lexisladores e representantes públicos teñen que abrir os ollos á realidade: os restos das salgaduras de Corrubedo, o mesmo que as doutros lugares, estanse a caer, pedra a pedra. É historia viva do noso pobo, e a nosa obriga é legalo ás xeracións que nos han de seguir nas mellores condicións posibles.

A pé da praia da Robeiriña poden verse os restos de tres salgaduras