Cando a tecnoloxía confunde máis que axuda

Xoán Ramón Alvite Alvite
Xoán Ramón Alvite RIBEIRA / A VOZRIBEIRA / A VOZRIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

A elección do formato americano para asignar a data das citas médicas confunde aos pacientes menos familiarizados con novos sistemas de comunicación

28 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que algúns se empeñen en afirmar o contrario, a tecnoloxía non sempre axuda. De feito, hai veces que mesmo xera moita confusión e importantes contratempos. Sobre todo a aquelas persoas menos familiarizadas cos novos sistemas de comunicación, ás que lles custa descifrar determinados códigos que, para a gran maioría da poboación, xa resultan pouco menos que habituais.

Sábeo ben o mazarico Manuel Rodríguez Beiro, que debido a un destes malentendidos perdeu unha importante cita no Hospital Clínico de Santiago pola que levaba varios meses agardando. A razón, o formato de data utilizado pola aplicación do Sergas para lembrar aos seus pacientes, a través dunha mensaxe SMS, o día no que deben acudir á súa consulta.

Neste caso, ao afectado citábaselle para o 4 de febreiro deste ano, aínda que na mensaxe que recibiu no seu móbil a data aparecía co formato 2021-02-04, o que lle levou a pensar que se trataría do 2 de abril (02-04).

«Eu como vou saber que no sistema americano aparece o mes antes que o día. Non o sei eu nin outra moita xente á que disque lle pasou o mesmo. O raro é que se saben que pode dar lugar a confusión non se modifique», explica o paciente, que se deu conta do seu erro cando volveron citalo para unha nova consulta co fin de coñecer o resultado da proba que tiña que ter feito. «Volveron a escribirme para o 18 de marzo e aí foi cando as cousas non me cadraron e pregunteille a un coñecido que me explicou o sistema este das datas».

As mensaxes

Non é a primeira ocasión na que unha comunicación do Sergas xera desconcerto entre quen a reciben aínda que, neses casos, debido á redacción da mensaxe que se buscaba difundir.

Sen ir máis lonxe, ducias de veciños de Mazaricos, na súa maioría de avanzada idade, non acudiron ao cribado ao que foran chamados a mediados de decembro debido á dificultade para entender o texto que recibiron nos seus móbiles.

De feito, seis das dez liñas que ocupaba o SMS remitido estaban destinadas a ofrecer a ligazón web coa xeolocalización do centro de saúde ou o link que xeraba o código QR da proba. Pola contra, palabras como cribado, coronavirus ou PCR, que sin duda axudarían a entender o obxecto do aviso recibido nos teléfonos, non figuraban.