Pingueiras e frío chegan aos despachos de xuíces e fiscais de Ribeira

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CEDIDA

O CSIF critica o estado do xulgado e reclama máis biombos de protección

02 dic 2020 . Actualizado ás 16:51 h.

«A onde imos a chegar así? É necesario que as deficiencias se arranxen canto antes», afirma Antonio Riveira, delegado de prevención de riscos laborais da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF). El é a voz que reclamou á Consellería de Xustiza que se solucionen os problemas que existen nos xulgados de Ribeira. Defende que as deficiencias coas que se está traballando son múltiples e que as pingueiras chegan mesmo a oficinas de xuíces e fiscais, así como a estancias onde se atopan outros funcionarios públicos.

«No despacho dunha xuíza chovíalle incluso no medio do escritorio. Tivo que moverse para un costado, para unha mesa auxiliar, por culpa da auga», explica Riveira, que denuncia que a situación do novo fiscal non é moito mellor, xa que lle habilitaron unha pequena estancia para convertela no seu despacho. Sinala que, ademais da humidade, o frío e as pingueiras, o lugar carece de radiador e de aire acondicionado. Polo momento, destaca, só se lle instalou un calefactor eléctrico.

A maiores, informa de que nunha das oficinas onde se atopan outros funcionarios a situación é similar, xa que tamén hai filtracións de auga a través das ventás e da madeira das paredes, a cal nalgunhas zonas está picada, situación que se agrava cando a choiva fai acto de presenza.

Desde o CSIF tamén denuncian que non se colocaron todos os biombos necesarios. No escrito enviado a Xustiza, afirman que «no caso dos xulgados mixtos de Ribeira, tense aínda a funcionarios en dependencias sen o biombo correspondente, dígase nos tres de Primeira Instancia e nos tres de Instrución, sendo necesarios ao estar en contacto directo co público». Na organización sindical explican que o lugar conta con mostradores moi grandes, polo que hai algúns que só teñen biombos nunha parte, o que motiva que haxa traballadores que teñen que atender aos cidadáns sen a pertinente seguridade.

Versión da Xunta

Desde Vicepresidencia valoraron estas reclamacións e destacaron que «a Xunta levou a cabo nos xulgados de Ribeira obras de mellora e de eficiencia enerxética no 2019 que, entre outros traballos, incluían a instalación dunha nova caldeira de biomasa e melloras na impermeabilización e a substitución de luminarias». Desde o Goberno autonómico apuntaron que «as obras de mellora enerxética previstas para dito xulgado rematarán co cambio de ventás, que se instalarán canto antes e, en todo caso, unha vez se arranxen os problemas que produciu o retraso na súa instalación».

Sobre a cuestión dos elementos de protección fronte ao covid, fontes de Vicepresidencia tamén afirmaron que se biombos «implantaron no edificio xudicial as medidas de prevención necesarias, coa colocación de nos casos necesarios onde non se cumpra a distancia de seguridade e mesmo na sección penal do xulgado número 1 para a separación co público».