Estado de alarma en Ribeira no 1920

Ezequiel Lago Mallo

RIBEIRA

CEDIDA

O Concello aprobou un orzamento de 45.000 pesetas para produtos de primeira necesidade

31 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Nada máis e nada menos que hai 100 anos, o termo municipal ribeirense víase nunha situación excepcional ao ter lugar un pequeno período de carestía de artigos de primeira necesidade. Estes artigos serían fariña de trigo e millo, aceite ou xabón.

Esta historia comeza coa negativa do gobernador civil de Pontevedra a permitir que vilas como Vigo ou Vilagarcía continuasen abastecendo o porto ribeirense con artigos de primeira necesidade como viña facéndose de costume.

Para paliar esta situación, a mediados de ano a corporación municipal acordaría nunha sesión de pleno a creación dun orzamento urxente de 45.000 pesetas que destinar á compra destes artigos e á creación dunha comisión encargada da procura destes e da súa comercialización a uns prezos previamente acordados.

Ha de sinalarse que dita sesión foi tumultuosa, non só por reproches entre os membros da corporación, senón, máis ben, polo público que acudiu ao pleno; por varias veces teríase que chamar á orde o persoal e incluso está recollido que as portas da sala de plenos se pecharon, sospeitosamente, durante a última protesta do público... o cal indica os ánimos que debían reinar.

En todo caso, só un mes despois, xa existen novas sobre os primeiros intentos e resultados para paliar a situación. Un dos membros da comisión, «don» Ricardo Pérez Fernández, conseguira en Vigo, na «casa de Don Ceferino L. Maestrí» e en Vilagarcía, na «casa de Don José Galbán» cantidades destacables de fariña de trigo e centeo. No primeiro adquiriu trescentas sacas de fariña de trigo a 98 pesetas e tamén 46 de fariña de centeo a 92 pesetas; no segundo adquiriu duascentas sacas de fariña de trigo a cen pesetas cada unha.

Algún tempo despois, sen ter moitas referencias, conseguiríase millo a setenta pesetas a saca. Das referencias da compra do millo, pódese dilucidar a equivalencia en quilogramos das sacas, que serían de 100.

Semella, a grandes trazos, que as necesidades da poboación foron suplidas, a pesar de que do aceite ou os xabóns non se localizaron referencias.

Cantidades de excedentes

Cara a finais do ano, coñecemos o desenlace deste «estado de alarma». O empregado municipal Cipriano Reiris, encargado pola Alcaldía de expoñer aos veciños os artigos adquiridos para a súa venda, advertíalle á corporación municipal da existencia aínda de cantidades importantes de excedentes, os cales ameazaban con... descompoñerse; concretamente dalgunhas sacas xa saían vermes e outras estaban invadidas por gurgullo.

O veterinario municipal inspeccionaría o estado dos produtos e ditaminaría que só poderían empregarse para o alimento do gando... e iso aínda con certa urxencia. Por causa disto, a corporación acordaría reducir os prezos dos produtos para procurar a súa liquidación.

A finais do ano, a situación enténdese estabilizada ao non localizarse futuras referencias sobre a falta ou necesidade de produtos similares.

Trala debida revisión das contas, esta pequena crise custaríalle ao concello de Ribeira unha perda de 13.685 pesetas con 25 céntimos.