Congalsa leva á Rede o seu tradicional andaina solidaria

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Recadará fondos para repartir entre as familias necesitadas

30 sep 2020 . Actualizado ás 14:00 h.

Un ano máis, e van xa cinco, Congalsa promove unha andaina solidaria co fin de axudar ás familias necesitadas da comarca. Nesta ocasión, debido á alerta sanitaria, a iniciativa terá unha parte virtual. Os interesados en achegar o seu gran de area á causa realizarán o percorrido que consideren oportuno e enviarán despois fotografías á organización, que serán distribuídas a través da Rede.

A diferenza de edicións pasadas, a iniciativa non só está dirixida aos traballadores da empresa, senón que se abre a todo aquel que queira sumarse, independentemente da súa localización xeográfica. Tamén se modificou a cota de inscrición, pois antes era un quilo de comida e, nesta especial ocasión, consiste nun ingreso de tres euros. Para efectuar o abono, os camiñantes téñense que inscribir a través da plataforma Galitiming.

A idea é que cada persoa realice a ruta que considere oportuna durante os primeiros quince días deste mes e que envíe despois fotografías co dorsal que lles será facilitado ao tramitar a inscrición tanto ao comezo do percorrido como a medio camiño e ao final. Todos os participantes recibirán un obsequio corporativo de Congalsa.

O diñeiro que se recade será distribuído, a través de diferentes oenegués, entre as familias necesitadas de Barbanza. A intención da empresa é que os fondos cheguen especialmente a aquelas persoas que resultaron máis prexudicadas pola pandemia actual.

Co fin de axudar ao maior número de veciños posible, Congalsa anunciou que tamén sumará unha contía, de forma que se triplique a cifra que se logre recadar coas achegas dos participantes na andaina.