Arde un coche en marcha en Ribeira: «Se chego a levar á nena, non se se me tería dado tempo a sacala»

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Cedido

O incendio do vehículo, que tiña só 20 días, afectou a outros dous turismos que estaban estacionados no Malecón

19 sep 2020 . Actualizado ás 20:34 h.

En plena marcha. Así comezou a arder un coche este venres cando circulaba polo centro urbano de Ribeira . Os dous ocupantes do vehículo puideron saír a tempo antes de que as chamas devorasen o automóbil, que fora comprado facía apenas 20 días. O condutor, Juan José Regueiro, explicaba que acababan de chegar de Boiro, e que xa de camiño pola autovía comezaran a cheirar a queimado, «pero pensamos que estaban ardendo uns restrollos pola zona, porque no coche non se activou ningún chivato de temperatura nin nada».

Cando chegaron á capital barbancesa dispuxéronse a buscar aparcadoiro na zona do Malecón pero, de súpeto, «a miña muller díxome que o coche prendera e que había chamas no capó. Saímos disparados». Desde varios locais hostaleiros que hai nas inmediacións sacaron tres extintores e comezaron a sufocar as chamas, pero apenas puideron conter o lume, que finalmente foi extinguido polo persoal do GAEM de Ribeira.

Juan José Regueiro explicou que a súa muller se viu moi alterada polo suceso, «e nós puidemos saír a tempo, pero se chego a levar á nena, non se se me tería dado tempo a sacala». Ademais, coa rapidez que saíron do vehículo, un Citroën C5 Aircross, deixaron todas as súas pertenzas no turismo. «Deixei alí o móbil e todas as chaves, así que terei que chamar a un cerrajero para poder entrar en casa», lamentaba o ribeirense.

Ademais do vehículo sinistrado, as chamas tamén afectaron a dous coches que estaban estacionados no Malecón. Ata o lugar desprazáronse, ademais dos bombeiros e do persoal do GAEM e axentes da Policía Local e da Policía Nacional de Ribeira.